Pleno do Parlamento 11/05

Balseiro censurou a hipocrisía política da oposición que reclaman máis posibilidades de pesca para Galicia e despois son incapaces de apoiar as iniciativas que van nesa dirección, polo simple feito de que é o Partido Popular quen as impulsa

 O PARLAMENTO DE GALICIA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, PIDE A EUROPA UN CAMBIO NO SISTEMA DE REPARTO DAS COTAS DE PESCA

 

  • O portavoz do Mar reclamou que, baixo o principio do aproveitamento máximo das capturas, se explore unha nova vía para que as cotas sobrantes que algúns países non empregan poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que as precisan para continuar coa súa actividade

 

Santiago, 11 de maio de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá unha iniciativa, impulsada polo Grupo Popular pero co voto en contra de toda a oposición, na que demanda á Unión Europea un cambio no sistema de reparto das cotas de pesca. O acordo insta ás autoridades comunitarias e estatais a promover a revisión do actual modelo, impulsando un mecanismo de xestión dos recursos pesqueiros que permita que as cotas sobrantes poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que precisan de posibilidades de pesca adicionais para continuar a súa actividade.

 O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, lembrou que, segundo un recente estudo da Cooperativa de Armadores de Vigo, que analizou as 20 principais especies sometidas a TACs e cotas durante o período 2008-2014, non foron utilizadas máis de un millón de toneladas en posibilidades de pesca asignadas aos distintos estados membros, cun valor económico desaproveitado que, segundo estimacións, supera os 1.800 millóns de euros.

 Esta situación provoca, indicou Balseiro, “unha evidente contradición, pois mentres a Unión Europea di defender o aproveitamento máximo das capturas, ata o punto de prohibir os descartes e obrigar a devolver ao mar o peixe capturado sobre o que non existe cota, pola outra banda vemos como hai países que non aproveitan todas as súas posibilidades de pesca”.

 UNHA NOVA OPORTUNIDADE

 O portavoz popular amosou o seu convencemento de que poñendo en marcha este mecanismo “estaríamos ante unha nova oportunidade para aumentar os TAC e cotas que dispón a flota galega e corrixir o modelo actual que obrigou a unha parte substancial da nosa flota a asumir enormes sacrificios, peches e perdas”.

 De feito, Balseiro lembrou que, tanto desde a Xunta como desde o Partido Popular, “se intentou en múltiples ocasións modificar o sistema europeo de reparto vixente por consideralo inxusto e insuficiente, impulsando tanto iniciativas políticas como xudiciais, pero ambas vías non deron o resultado pretendido”.

 “Cambiar o sistema esixe de unanimidade dos estados membros, e os países que saen favorecidos no reparto nunca aceptan o cambio. E a vía xudicial, tampouco prosperou, pois os sucesivos recursos que se presentaron ante o Tribunal de Estrasburgo sempre foron rexeitados”, explicou.

 

CO PP AUMENTAN OS TAC E COTAS

 

Con todo Balseiro si quixo poñer en valor os esforzos que o Partido Popular e o Goberno galego e central fixeron nos últimos anos para incrementar as cotas de pesca dentro do corsé que permite Europa

 

“Desde que o PP está presente nas mesas de negociación en Bruxelas, con responsabilidade de goberno en Madrid ou coa conselleira do Mar presente na delegación negociadora, as posibilidades de pesca da nosa flota téñense incrementado nun 13 por cento entre os anos 2012 a 2014, mentres que co PSOE acontecía todo o contrario: entre 2005 e 2012, reducíronse un 44 por cento”, dixo

 

Balseiro mantivo que a insuficiencia das cotas de pesca parte dun problema de orixe, da data de ingreso de España na Unión Europea. “Os que daquela negociaron as condicións de acceso aceptaron unha clave de reparto fixa, invariable desde 1983 e profundamente desequilibrada, xa que, mentres España representa entorno ao 24 por cento do total da flota pesqueira europea, so posúe entre o 7 e 8 por cento das súas cotas”, apuntou.

 

HIPOCRESÍA POLÍTICA NA OPOSICIÓN

 

O acordo parlamentario saíu adiante grazas á maioría absoluta do Partido Popular, pero co voto en contra do PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto, que coincidían nas súas emendas na necesidade de insistir na vía da impugnación xudicial a pesar de que se demostrou o seu fracaso.

 

Esta circunstancia valeu para que o voceiro do Mar dos populares galegos censurase a hipocrisía política dos partidos da oposición que reclaman máis posibilidades de pesca para Galicia e despois son incapaces de apoiar as iniciativas que van nesa dirección, polo simple feito de que é o Partido Popular quen as impulsa.

 

Balseiro concluíu que “á hora da verdade, a flota galega non pode contar cos partidos da oposición na defensa dos seus intereses e, o que aínda é máis grave, na procura de solucións para facer do mar un medio de oportunidades profesionais, de emprego e de futuro”.