Cambados

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado do presidente do PP de Cambados, Luis Aragunde, presentaron esta iniciativa dirixida a mellorar a competitividade deste segmento da flota e as condicións de traballo dos seus profesionais

O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA O IMPULSO DO PLAN DE APOIO Á PESCA ARTESANAL

 

  • Pretenden impulsar seis medidas concretas, entre elas: a preferencia no acceso a axudas públicas, a posta en marcha dun plan de incorporación de mozos á actividade pesqueira, a mellora da trazabilidade, do valor engadido e da comercialización, o uso de marcas de calidade diferenciada e a mellora dos buques pesqueiros

 

 Cambados, 20 de maio de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento de Galicia que se celebra este martes o impulso e desenvolvemento do plan de apoio á pescar artesanal que a Consellería do Mar deseñou co obxectivo de mellorar a competitividade deste segmento de flota e as condicións de traballo dos seus profesionais.

Así o deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado do presidente e portavoz local do Partido Popular de Cambados, Luis Aragunde. Desde a formación política popular escolleron esta localidade por ser unha das máis significativas no ámbito da pesca de baixura, a máis importante no conxunto da ría.

ACCIÓNS PREVISTAS

Entre as accións previstas para acadar estes obxectivos están seis medidas concretas coas que a Xunta de Galicia espera facer da flota costeira artesanal a que maior esforzo centre nos vindeiros anos, tanto desde o punto de vista técnico como económico.

Así, por exemplo, primará a este segmento de flota e aos seus profesionais como beneficiarios preferentes das axudas e subvencións que no futuro se establezan, tamén nos procesos de concorrencia competitiva. Polo tanto, cando a administración compare as distintas solicitudes presentadas aquelas correspondentes á flota costeira artesanal deberán obter, de acordo cos criterios prefixados na convocatoria, maior puntuación e máis contía na subvención.

En segundo lugar, o Grupo Popular pide a posta en marcha dun plan de emprego, para promover e facilitar o relevo xeracional no ámbito da flota artesanal. Nesta liña a Consellería do Mar deseñou un programa de formación e aprendizaxe de carácter práctico que facilitará a incorporación de mozos neste tipo de embarcacións.

Os populares tamén demandan impulsar iniciativas de mellora da comercialización (con especial atención a produtos como o percebe, a navalla ou o ourizo e, en xeral do marisqueo) e de promoción, mellora da trazabilidade, información ao consumidor e apertura de novos mercados. O Goberno galego establecerá axudas directas e específicas para potenciar cada un destes aspectos.

En cuarto lugar, a iniciativa do PPdeG insta á Xunta a reactivar as instalacións de produción de semente de moluscos bivalvos, para incrementar a capacidade das zonas pouco produtivas ou hoxe improdutivas. Neste mesmo ámbito os populares apostan pola investigación e a selección xenética natural dos individuos máis resistentes a pragas, parasitos e predadores.

Como quito punto, os populares reclaman o impulso das marcas de calidade e denominacións de orixe, partindo da experiencia positiva que ofreceu o selo PescadeRías, que desde a súa implantación logrou certificar millóns de quilos de produtos da pesca e o marisqueo.

E, finalmente, o plan deseñado desde a Consellería do Mar contempla a incorporación aos buques de pesca de diversas melloras a bordo, que redunden en maior eficiencia enerxética, dean máis valor engadido ás capturas, ou reforcen as condicións de confort, hixiene e saúde, en definitiva, as condicións de traballo dos pescadores.

APROVEITAR O NOVO FEMP

O portavoz popular explicou que quixeron trasladar ao Parlamento o desenvolvemento deste plan para facer partícipes aos grupos da oposición e ao sector pesqueiro en xeral das distintas medidas a impulsar e, no seu caso, que poidan enriquecelas con novas achegas.

Non se trata por iso dun catálogo pechado, senón dunha serie de compromisos que a Xunta de Galicia ten previsto executar en apoio deste segmento de flota e no obxectivo de aproveitar as oportunidades que ofrece cos novos recursos dispoñibles do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP)

 Balseiro lembrou que Galicia será destinataria preferente destas axudas comunitarias, logo dunha intensa negociación tanto en Bruxelas como en Madrid. Ata tal punto é así que a nosa Comunidade recibirá entorno a 487 millóns de euros, pasando dun 45,32% do total dos recursos no período 2007-2013 a máis do 50,88% na actualidade.

 CAMBADOS

 Cambados é probablemente un dos portos pesqueiros ideais para entender a importancia destas medidas xa que acolle preto de 300 embarcacións de baixura artesanal que empregan artes como o cerco, enmalle, nasas, bou de vara, bou, boliche, rastro de venéraa e marisqueo a pé e flote. A pesca dá emprego en Cambados, de forma directa, a máis de 1.000 mulleres e homes; á vez que xera riqueza en actividades auxiliares de transformación e comercialización (talleres de reparación, redeiras, depuradoras, cetareas, conserveiro, …etc)