Eleccións xerais 2016

O coordinador comarcal dos populares pon en valor a ampla representación da nosa comarca na candidatura popular ao Congreso e ao Senado

Balseiro: “O 26 de xuño temos unha nova oportunidade de situar a dous mariñáns no Congreso dos Deputados”

  • Queren contribuír a unha maioría que faga posible un goberno estable fronte aos extremismos ideolóxicos ou a proxectos sen experiencia nin xestión

 

A Mariña, 25 de maio de 2016.- O coordinador comarcal dos populares e secretario do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor o feito de que ata catro veciñas e veciños da nosa comarca formarán parte da candidatura desta formación política ás Cortes Xerais.

Máis en concreto son tres mulleres e un home:

Na papeleta ao Congreso están –como os seus número dous e tres respectivamente- o actual deputado e concelleiro en Viveiro, Jaime de Olano e a concelleira en Foz, Mercedes González.

Para o Senado forman parte da candidatura a concelleira en O Valadouro, Rocio Blanco Pliego e Mari Mar Fraga, concelleira en Burela

Balseiro salienta a ampla representación da Mariña pero, sobre todo, que esta toma aínda máis forza considerando que a aspiración do PP é acadar un feito histórico: Que dous populares mariñáns poidan obter escano no Congreso dos Deputados

 O MELLOR EQUIPO

 Hoxe se formalizan de xeito oficial as candidaturas ás vindeiras eleccións xerais que, no caso do PP, volven a apostar substancialmente polo mesmo equipo, convencidos de que son as persoas axeitadas para defender os intereses da nosa provincia, da nosa comarca.

ESTABILIDADE FRONTE A EXPERIMENTOS

 Para Balseiro as eleccións do 26 de xuño deberían terse evitado e non foi posible desde o momento que diversos grupos preferiron apostar por unha coalición distinta a aquela que lideraba o Partido Popular como forza que tiña maior respaldo electoral.

 Así que, en consecuencia, Balseiro asegura que os populares da Mariña lucense van a intentar contribuír a unha maioría que permita un goberno estable fronte á alternativa baseada nos extremismos ideolóxicos ou na falta de experiencia e de xestión.

 Anuncia para iso que farán unha campaña de proximidade, que non canse aos electores, pero que nos permita ter un contacto dun xeito moi directo coas veciñas e veciños para explicarlles o noso proxecto e as distintas iniciativas que propoñemos para dar solucións aos problemas que percibimos e para afrontar os retos existentes.

 OS QUE MELLOR REPRESENTAN Á MARIÑA

 “Os datos demostran que a candidatura do PP é a que mellor representa A Mariña lucense, a que mellor coñece as súas necesidades, a que máis aposta pola nosa comarca e agardamos tamén a que maior confianza poida obter entre os seus veciños. Xa aconteceu en decembro, e aspiramos a incrementar ese apoio. Daquela 17.609 homes e mulleres decidiron darlle a confianza ao noso partido converténdonos, unha vez máis, na primeira forza política desta comarca. O 26 de xuño, temos unha nova oportunidade de situar a dous mariñáns no Congreso dos Deputados”-conclúe Balseiro