Pleno do Parlamento 25/05/2016

A iniciativa inclúe o desenvolvemento dun catálogo financiado con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e dirixido a mellorar a competitividade deste segmento de flota e as condicións de traballo dos seus profesionais

O PARLAMENTO GALEGO INSTA Á XUNTA, CO ÚNICO APOIO DO GRUPO POPULAR, A IMPULSAR O PLAN DE APOIO Á FLOTA COSTEIRA ARTESANAL

plan de apoio á pesca artesanal.png

 

 

Santiago, 25 de maio de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia vén de aprobar, co único voto favorable do Grupo Popular e o voto en contra de PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto, unha proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a desenvolver o plan de acción deseñado pola Consellería do Mar en apoio da pesca costeira artesanal.

 O voceiro popular de Pesca, Jose Manuel Balseiro, lembra que “o obxectivo desta iniciativa é impulsar un catálogo con seis medidas específicas dirixidas a mellorar a competitividade da flota de baixura e as condicións de traballo dos seus profesionais”.

 Balseiro lembrou que “falamos dun segmento da flota que, xunto co marisqueo a pé, ten en Galicia unha relevancia social e económica de primeira orde” e fixo referencia aos últimos datos oficiais nos que se recolle que este sector representa o 85 por cento do total do número de buques, con entorno ás 3.871 unidades.

 Os portavoz popular foi máis aló e destacou o xeito de financiar este programa, en concreto, a través das oportunidades que achegan os recursos procedentes do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Así, sinalou que Galicia recibirá máis da metade dos fondos dirixidos ás comunidades autónomas españolas (o 51 por cento) por un montante de 487 millóns de euros.

 OPOSICIÓN AUSENTE

 Balseiro lamentou moi especialmente a actitude amosada polos grupos da oposición que non só votaron en contra deste acordo, senón incluso non achegaron propostas alternativas. A intención da proposta do Grupo Popular era que a oposición puidera contribuír con novas ideas ao catálogo de medidas de apoio á flota de baixura deseñadas pola Xunta, pero todos renunciaron a esta posibilidade.

 Balseiro manifestou “non entender como a oposición pode esquecer deste xeito a un sector tan relevante para a pesca galega e piden que reflexionen sobre a súa actitude destrutiva, incluso cando se ofrecen espazos de consenso”.

 SEIS MEDIDAS CONCRETAS

 Entre as medidas contempladas e citadas polos populares están seis aspectos, que configuran as liñas mestras do futuro plan:

 A primeira delas busca dar prioridade á flota costeira artesanal no acceso ás futuras axudas e subvencións, primando a este segmento nos procesos de concorrencia competitiva.

 En segundo lugar, o Grupo Popular pide a posta en marcha dun plan de emprego, para promover e facilitar o relevo xeracional no ámbito da flota artesanal.

 Tamén se demanda impulsar iniciativas de mellora da comercialización (con especial atención a produtos como o percebe, a navalla ou o ourizo e, en xeral do marisqueo) e de promoción, mellora da trazabilidade, información ao consumidor e apertura de novos mercados.

 En cuarto lugar, a iniciativa do PPdeG insta á Xunta a reactivar as instalacións de produción de semente de moluscos bivalvos, para incrementar a capacidade produtiva das zonas pouco produtivas ou improdutivas.

 IMPULSO DAS MARCAS E RECURSOS

 Como quito punto, reclámase o impulso das marcas de calidade e denominacións de orixe, partindo da positiva experiencia da marca PescadeRías, que desde a súa implantación logrou certificar millóns de quilos de produtos da pesca e o marisqueo capturados pola flota artesanal.

 E, finalmente, a achega de recursos para incorporar nos buques de pesca as reformas que se estimen precisas para mellorar a eficacia enerxética, mellorar o valor engadido das capturas, mellorar as condicións de confortabilidade, hixiene e saúde, en definitiva, as condicións de traballo dos pescadores.