O futuro de Alcoa

Cargos públicos populares mantiveron esta mañá unha reunión de urxencia co Comité de empresa de Alcoa para interesarse pola situación que afecta a planta de San Ciprián

O PP ponse á disposición dos traballadores de Alcoa e reitera que só apoiarán un proxecto que garanta a continuidade dos postos de traballo

 Alcoa

  • Significan a importancia na continuidade dun proxecto industrial e laboral “estratéxico e irrenunciable” tanto para a comarca da Mariña como para o conxunto da provincia

Lugo, 27 de maio de 2016.- Unha representación do Parido Popular lucense mantivo esta mañá un encontro de urxencia cos integrantes do Comité da empresa Alcoa en San Ciprián.

 Na xuntanza participou a presidenta provincial dos populares lucenses, Elena Candia, acompañada do senador José Manuel Barreiro, dos deputados José Manuel Balseiro e Jaime de Olano e dos alcaldes populares de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, respectivamente

 Para o PP “era prioritario” celebrar este encontro cos representantes dos traballadores para trasladarlles que están “ao carón das súas preocupacións” ante as decisións que a multinacional do alumino poida adoptar sobre o futuro das súas fábricas e, moi en particular, dos centros de traballo lucenses de alumina e aluminio.

 Candia explicou que quixeron facerlles partícipes da mensaxe que “nos consta comparte tanto o presidenta da Xunta como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria” en relación a que “estarán vixiantes” supervisando a evolución destas negociacións.

 Indicou tamén que o Partido Popular e o Goberno galego só apoiaran aqueles proxectos nos que “como condicións mínimas se garanta a continuidade dos postos de traballo e se manteñan os investimentos comprometidos”

 A DISPOSICIÓN DOS TRABALLADORES

 “Poñémonos a disposición dos traballadores para defender e compartir as súas preocupacións e trasladar e defender as súas posturas alí onde teñamos representación institucional e tamén responsabilidades de goberno”-concluíu Candia.

 Pola súa banda o senador José Manuel Barreiro e candidato popular comprometeuse tamén a realizar as xestións precisas ante Ministerio de Industria e insistiu en amosar o seu apoio aos traballadores

 Nesta liña o coordinador comarcal dos populares e deputado autonómico Jose Manuel Balseiro lembrou que de Alcoa dependen 1.200 persoas máis 500 empregos indirectos polo que emprazou a que calquera decisión que poida adoptarse manteña integramente este emprego.

 UN PROXECTO ESTRATÉXICO E IRRENUNCIABLE

 Desde o PP de Lugo lembran que a planta que Alcoa ten en San Ciprián é un proxecto “estratéxico e irrenunciable”, polo seu peso como motor industrial da comarca da Mariña pero tamén do conxunto da provincia, onde representa máis do 30% do seu PIB

 Desde o Partido Popular consideran necesario “que se dean explicacións claras” sobre os plans de futuro da fábrica malia que salientan o feito de que “non se estea a falar en ningún caso de peches, como acontecía no pasado, senón dunha reorganización que pasa por un novo socio ou á venda pero con continuidade dos proxectos”.

 O PP destacou que Alcoa foi nos últimos anos destinatario preferente dos apoios das distintas administracións que, por exemplo, impulsaron obras de gran relevancia como o gasoduto, que contribuíron a mellorar a competitvidade da empresa e agardan que en lóxica coherencia con estes esforzos a compañía manteña o compromiso coa comarca.