Parlamento de Galicia

Manifesta o interese e preocupación pola situación da multinacional, logo do anuncio da reordenación das súas actividades que inclúe a posible venda das dúas instalacións existentes na Comunidade galega

 O GRUPO POPULAR PROPÓN A APROBACIÓN DUNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL NO PARLAMENTO EN APOIO DAS FÁBRICAS E DOS TRABALLADORES DE ALCOA EN GALICIA

 debate_politica_xeral_2013.jpg

  • A proposta incorpora unha solicitude ao futuro Goberno de España para que garanta a competitividade de todas as empresas electrointensivas, de maneira que facilite os investimentos industriais e a súa permanencia

 

Santiago, 28 de maio de 2016.- O Grupo Popular proporá ao resto dos grupos parlamentarios a aprobación polo Pleno do Parlamento de Galicia dunha declaración institucional a través da que se solicita á multinacional Alcoa a promover o mellor futuro posible para as fábricas existentes na Comunidade galega e o mantemento dos postos de traballo.

 A proposta de declaración institucional, que o Grupo Popular levará á Xunta de Portavoces o vindeiro martes, manifesta o interese e preocupación pola situación que está a atravesar Alcoa, logo do anuncio feito esta semana de que levará a cabo un proceso de reordenación das súas actividades a nivel nacional que inclúe a posible venda das súas dúas instalacións en Galicia.

 INTERESE E PREOCUPACIÓN

 O Grupo Popular considera necesario que o Parlamento de Galicia poña de relevo a preocupación por estas informacións e os seus posibles efectos tanto a nivel de investimentos como do mantemento dos postos de traballo da empresa Alcoa en Galicia.

 Deste xeito, ínstase á multinacional a promover o mellor futuro posible para as fábricas e a manter os arredor de 1.700 postos de traballo cos que conta na actualidade en Galicia. Así  mesmo, apélase a Alcoa para que siga a demostrar o seu compromiso coa Comunidade galega e, especialmente, co conxunto dos traballadores que prestan servizos nas plantas de San Cibrao e A Coruña.

 Por último, a proposta de declaración institucional incorpora unha solicitude ao futuro Goberno de España para que garanta a competitividade de todas as empresas electrointensivas, de maneira que facilite os investimentos industriais e a súa permanencia.