Pleno do Parlamento 07 06 2016

Balseiro: “a oposición non ten dereito a pedir que renunciemos a un modelo que funciona para volver ao que tiña o bipartito, que amosou o seu fracaso coa vaga de incendios de 2006”

 O GRUPO POPULAR PON EN VALOR A EFICACIA DO DISPOSITIVO CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

Debate de política general.

 

  • Lembra que só en 2015 a Xunta investiu 22 millóns de euros en tarefas preventivas nos montes galegos

 

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O voceiro da área forestal do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que asegurar que en Galicia non se fai política de prevención de incendios, como afirman desde a oposición, “é mentir porque de non aplicarse estas tarefas preventivas non sería posible ter acadado os actuais bos resultados”.

 “Hai dez anos estábamos entre 10.000 e 12.000 incendios anuais e hoxe movémonos entorno aos 4.000”, explicou Balseiro. Neste sentido, lembrou os datos proporcionados pola conselleira do Medio Rural no pasado pleno, que indican que só en 2015 a Xunta investiu 22 millóns de euros para a realización de actuacións preventivas nos montes galegos.

 EVITAR O RETROCESO

 O Grupo Popular rexeitou no Pleno unha moción impulsada polo PSOE para modificar o operativo actual “pois suporía retroceder ao modelo fracasado que o bipartito desenvolveu na loita contra incendios, con resultados tan negativos como a vaga de lumes acontecida en 2006”.

 Deste xeito, José Manuel Balseiro puxo en valor o traballo desenvolvido pola Consellería do Medio Rural e lembrou que os resultados dos últimos anos supoñen “un cambio de tendencia real que permite ter datos esperanzadores de cara o futuro no combate desta lacra”.

 De feito, o voceiro popular lembrou que nos últimos anos o número de incendios está claramente en descenso e, polo tanto, “se o número de lumes forestais está a diminuír é como resultado da eficacia das políticas aplicadas”. “Non teñen dereito a pedirnos que volvamos ao pasado: porque sería retroceder”, indicou.

 FALTA DE INTERESE POR UN DEBATE SERIO

 “Máis do 60 por cento dos lumes son reducidos a conatos, ao tempo que 6 de cada 10 lumes son historia antes de que superen unha hectárea”, concretou Balseiro. Así mesmo, subliñou que “Galicia conta co dispositivo de prevención e loita contra o lume máis potente de toda España e todo coordinado baixo o mando único da Xunta e totalmente público: integrado por persoal da comunidade autónoma, do Estado e municipal, ou por persoal contratado das empresas públicas Seaga ou Tragsa”.

 Finalmente, Balseiro amosouse convencido, logo das intervencións dos distintos voceiros parlamentarios, de que “non existe un interese real da oposición por manter un debate serio e rigoroso sobre o operativo contra os incendios” e lembrou que “de existir terían aproveitado a proposta impulsada polo Grupo Popular cando o pasado mes de novembro, na Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento de Galicia, rexeitaron elaborar conxuntamente un ditame con novas medidas para mellorar a loita contra os lumes”.