Futuro de Alcoa

José Manuel Balseiro agarda que desde a oposición se rectifique e recompoña a necesaria unidade de acción que a sociedade reclama ante asuntos tan serios como este

O PP trasladará ao Parlamento Galego e aos concellos a declaración institucional vetada pola oposición en apoio dos traballadores de Alcoa

 Alcoa San Ciprián

  • Balseiro explica que a postura máis intransixente foi a de AGE que non quere ofrecer unha tarifa competitiva para as empresas como Alcoa que realizan grandes consumos eléctricos e censura o seguidismo do PSOE que en Santiago veta peticións similares ás que apoiaron en Asturias ou en Lugo

 

Viveiro, 10 de xuño de 2016.- O Partido Popular trasladará a declaración institucional vetada pola oposición en apoio dos traballadores de Alcoa ao Parlamento de Galicia como Proposición Non de Lei e como moción aos concellos da Mariña.

 O deputado autonómico José Manuel Balseiro deu conta destas iniciativas e asegurou que “os traballadores merecen o noso apoio e sentir que os que os representan están ao seu carón, por iso agardamos que desde a oposición se rectifique e recompoña a necesaria unidade de acción que a sociedade reclama ante asuntos tan serios como este”.

 Proposta de acordo

O populares a través destas iniciativas procuran chegar a un acordo unánime de cara a velar polo mantemento dun proxecto industrial competitivo, polas inversións e pola blindaxe dos actuais postos de traballo. “Un compromiso que tamén asumiu a Xunta de Galicia e polo que estará vixiante”, precisou Balseiro.

 En concreto, o Partido Popular levará ao Parlamento e aos concellos a seguinte proposta de acordo:

 1.- Instar á multinacional Alcoa a promover o mellor futuro posible para as fábricas que dan traballo a máis de 2.000 persoas en España e a manter os postos de traballo, particularmente, na comunidade galega.

 2.- Apelar á multinacional Alcoa para que siga a demostrar o seu compromiso co noso país e, especialmente, co conxunto dos traballadores e traballadoras que prestan servizos nas plantas de San Ciprián e A Coruña.

 3.- Apoiar incondicionalmente o sector do aluminio na nosa comunidade e a todos os traballadores e as súas familias vinculados ao mesmo.

 4.- Instar ao futuro goberno de España a que garanta a competitividade de todas as empresas electrointensivas, de maneira que facilite os investimentos industriais e a súa permanencia

 Agardan unha rectificación da oposición

O secretario da Mesa do Parlamento lembrou que, na última sesión plenaria na Cámara galega, o bloqueo protagonizado polos grupos da oposición impediron un acordo unánime en apoio dos traballadores de Alcoa, a través da sinatura dunha declaración institucional.  “Nun asunto tan serio como este, no que estamos falando do futuro da primeira industria para a economía e o emprego da nosa provincia e da nosa comarca, hai políticos que non estiveron á altura, rachando a necesaria unidade de acción que os cidadáns esixen nestas circunstancias”.

 Esta circunstancia deuse pese a que o PP propuxo un acordo unánime, cun texto practicamente idéntico ao que o PSOE e o resto das forzas políticas aprobaron por unanimidade en Asturias e “incluso invitando á AGE e ao PSOE a que nos dixeran que era o que querían cambiar do texto”, matiza Balseiro.

 Neste senso, o deputado popular analiza que a postura máis intransixente foi a de AGE, “xa que nese grupo hai quen entende que pedir un sistema competitivo para as empresas que teñen alta dependencia da electricidade está mal porque é algo así como unha axuda de estado. Nós lembramos que este modelo é necesario, e que se establece en toda Europa para que as empresas podan ser competitivas, pero non quixeron atender a razóns”.

 En canto ao PSOE, Balseiro lamentou que “hai uns días viñeron facerse a foto cos traballadores e prometeron unidade e á hora da verdade non son capaces de apoiar os puntos de acordo que respondín ao que os propios traballadores reclamaban ou que incluso o PSOE apoiou en Asturias”. “Ou son incoherentes ou perderon influencia no PSdeG”, analizou.

 Polo tanto, ante o bloqueo da oposición á declaración institucional pese aos intentos dos populares de chegar a un acordo, dende o Partido Popular presentarán o texto da declaración como Proposición Non de Lei no Parlamento e como moción nos concellos da Mariña “agardando a rectificación do PSOE e de AGE, xa que os traballadores de Alcoa merecen o noso apoio”, conclúe Balseiro.