Impulso forestal

A Xunta lanza unha orde de axudas para plantar castiñeiros para froito nunhas 1.000 hectáreas

Sin título.jpg

  • Feijóo indica que esta medida, cun orzamento de 2,6 millóns de euros, é “o maior impulso da nosa historia á plantación de castiñeiros”
  • Con carácter xeral, as axudas serán dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea
  • Con respecto á anterior convocatoria, elimínase o criterio de pendente máxima, diminúe a superficie mínima, elimínase a máxima e amplíase o ámbito xeográfico a toda Galicia, aínda que seguirán tendo prioridade as zonas cubertas pola IXP
  • Complementa a convocatoria de axudas á silvicultura, que suma 15 millóns de euros tras ampliar a Xunta o seu orzamento

Santiago, 23 de xuño de 2016.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe o lanzamento dunha orde de axudas para plantar castiñeiros para froito nunha superficie de entre 1.000 e 1.200 hectáreas. “Estamos a darlle o maior impulso da nosa historia á plantación de castiñeiros”, afirmou. Conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros, cofinanciados con fondos Feader.

As axudas poderán pedirse ata un mes a partir deste luns, cando esta convocatoria se publicará no DOG, e cubrirán investimentos feitos ata o 15 de decembro deste ano. Poderán orientarse a cubrir tres tipos de gastos: os derivados da plantación do souto, como o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición da planta; os investimentos no coidado, mantemento e enxertado das árbores e as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Feijóo citou as principais novidades desta convocatoria de axudas con respecto á anterior: eliminouse o criterio de pendente máxima, diminuíu a superficie mínima e eliminouse a superficie máxima do terreo e ampliouse o ámbito xeográfico a toda Galicia. “Darase prioridade ás actuacións no ámbito da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e nas zonas de montaña”, indicou.

Importe das axudas
Con carácter xeral, as axudas serán dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea. Dependerán da densidade da plantación (a maior densidade, maior axuda) e de se o castiñeiro é enxertado ou non (primaranse as árbores enxertadas). A superficie mínima para particulares é de media hectárea, pero o presidente indicou que “varios propietarios poderán unirse para alcanzar esa superficie en parcelas contiguas”. Esta superficie mínima elevarase a dúas hectáreas no caso das comunidades de montes. Respecto aos complementos para pechar as plantacións, oscilarán entre os 280 e os 7.000 euros por quilómetro.

“Deste xeito, fomentamos os sistemas agroforestais e a súa preservación, o aproveitamento sustentable dos soutos de castiñeiros, o mantemento da actividade agraria nas zonas rurais, e en particular nas zonas de montaña, e o apoio a un produto galego de calidade”, afirmou.

Axudas á silvicultura
O presidente da Xunta recordou tamén o esforzo do Goberno autonómico por achegar seguridade xurídica ao sector forestal, con medidas como a primeira Lei de montes de Galicia, os tres decretos que a desenvolven e a actualización do Plan Forestal de Galicia.

Ademais, a semana pasada publicouse no DOG a ampliación do orzamento das axudas destinadas á silvicultura, pois tiveron unha acollida mellor da esperada. “Sumámoslles 4,5 millóns máis, de xeito que o orzamento total ascende a 15 millóns de euros”, dixo Feijóo. Con estas axudas, poderán financiarse rozas, clareos, claras, podas ou replantacións de autóctonas e piñeiros, que aumenten o valor ecolóxico dos bosques e reduzan o risco de incendios.