Comisión 6ª (07/07/2016)

Jose Manuel Balseiro considera que aos deputados da oposición non lles interesa a situación  dos traballadores de Alcoa senon facer política á súa costa

O GRUPO POPULAR DEFENDE A PLENA VIXENCIA DO ACORDO UNÁNIME ACADADO NO ÚLTIMO PLENO DO PARLAMENTO EN APOIO DO FUTURO DAS FÁBRICAS GALEGAS DE ALCOA

 Alcoa-Inc

  • Lembra que deputados de AGE cualificaron como “aberrantes” os incentivos e descontos que Alcoa recibe na súa tarifa eléctrica, sen ter en conta que grazas a eles se garante a competitividade destas empresas

 


Santiago, 7 de xullo de 2016.- O Grupo Popular defendeu hoxe no Parlamento a plena vixencia do acordo unánime aprobado no último Pleno no que se reafirmaba a aposta polo futuro do aluminio galego e todas as forzas políticas da Cámara se situaban ao carón dos traballadores de Alcoa.

 Máis en concreto, o acordo instaba á Xunta de Galicia a realizar todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo que esta multinacional do aluminio ten en Galicia, ante a incerteza e as noticias que apuntan á posible venda destas fábricas.

 En consecuencia, e tal e como explicou o deputado popular Jose Manuel Balseiro, “carece de sentido aprobar un novo acordo”, neste caso formulado por Alternativa Galega de Esquerda, que defendía unha iniciativa para o seu debate e votación na Comisión de Industria celebrada esta mañá.

 Balseiro considera que “o verdadeiro obxectivo de AGE, e dos demais grupos da oposición, non era interesarse polo futuro dos traballadores de Alcoa senon facer política a súa costa”, polo que criticou duramente as continuas incoherencias desta formación política e a súa “ambigüidade” respecto do mantemento dos incentivos eléctricos que fan que esta industria sexa competitiva.

 O portavoz popular lembrou que “desde a Xunta sempre defenderán a necesidade de apoiar ás nosas empresas electrointenvisas e, moi en particular, a procura dun sistema de incentivos e tarifas máis estable e, con este obxectivo, están a traballar diante do Goberno central”.

 Pola contra, dubidou da posición de AGE, pedíndolles que “sexan claros na súa postura xa que hai deputados desta formación política, como Antón Sánchez ou Jose Manuel Fajardo, que teñen criticado durante o pago que Alcoa recibe polo sistema de interrumpibilidade, chegando a cualificar estes incentivos de aberrantes.