Pleno do Parlamento (12/07/2016)

Jose Manuel Balseiro reprocha á oposición que sexa incapaz de recoñecer os datos que amosan o “notable avance” acadado nas dúas últimas lexislaturas na loita contra o lume

 O PPDEG ACUSA AO BNG DE PRETENDER RECUPERAR O MODELO FRACASADO DO BIPARTITO PARA COMBATER OS INCENDIOS FORESTAIS

Balseiro pleno R

  • Nos últimos anos reduciuse o número de incendios e a superficie queimada, introduciuse un mando único, garantiuse por lei e incrementáronse os medios materiais e a eficacia do operativo
  •  O portavoz de Montes defendeu as brigadas forestais municipais e indicou que “son solicitadas por alcaldes de todas as cores políticas, tamén polos nacionalistas e os seus socios”

 

Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Grupo Popular acusou hoxe ao BNG de pretender “recuperar o modelo de prevención e extinción de incendios forestais fracasado do ano 2006 e retroceder a tempos do bipartito”, cando Galicia sufriu a peor vaga de lumes da súa historia. O voceiro popular de Montes, Jose Manuel Balseiro, reprochou á oposición que sexa “incapaz de recoñecer os múltiples datos que amosan o notable avance” acadado nas dúas últimas lexislaturas na loita contra os lumes. De feito, lembrou que o número de incendios reduciuse nun 60 por cento nestes dez anos e que 6 de cada 10 lumes son extinguidos antes de superar unha hectárea.

 “Desde o PPdeG vamos a seguir apostando por un modelo que ten amosada a súa eficacia. Haberá anos máis fáciles e máis difíciles, pero a realidade obxectiva das cifras está aí e é incontestable. Hoxe temos un sistema moito máis eficaz do que recibimos. O operativo contra o lume mellorou significativamente e funciona”, asegurou Balseiro.

 Balseiro desmentiu tamén os argumentos empregados polos nacionalistas e lembrou, entre outros aspectos, que se cubriron o cen por cen das vacantes do servizo, que xa existe un mando único operativo –o da Xunta- tanto sobre o terreo como garantido por lei, e que hoxe o servizo de prevención e extinción de incendios conta con  máis medios e máis persoal que nunca, entre eles, 188 novas prazas, 16 helicópteros e 36 brigadas helitransportadas.

 BRIGADAS DE TODAS AS CORES POLÍTICAS

 O portavoz popular afirmou “non comprender a obsesión dos nacionalistas por reclamar a supresión das brigadas forestais municipais cando despois alcaldes da súa cor política, ou da dos socios do BNG, son os primeiros en solicitalas, porque valoran a súa utilidade na loita contra os lumes forestais nos seus termos municipais”.

 Ademais, ironizou coas medidas propostas polo BNG porque “desta vez esquecéronse de pedir que non colaborase coa Xunta o Exército e coa Garda Civil, unha demanda recorrente dos nacionalistas, que esta vez non incluíron, quizá porque saben que para o Partido Popular toda colaboración contra esta lacra, tamén a das distintas administracións, sempre será benvida”.

 Finalmente, Balseiro lembrou que Galicia ten hoxe o dispositivo de prevención máis potente de toda España e que de non ser pola profesionalidade do mesmo, sería imposible conseguir os actuais resultados. “Hai dez anos estabamos entre 10.000 e 12.000 incendios ao ano, mentres que hoxe o teito sitúase en 4.000”. Ademais, só en 2015, último ano pechado, a Xunta investiu 22 millóns de euros para a realización de actuacións preventivas nos montes, que permitiron actuar en máis de 45.400 hectáreas.