Debate de investidura

20161108_pleno_27.jpg

O presidente do PPdeG pronunciou a intervención que abre o Debate de  Investidura

FEIJÓO COMPROMETE UNHA MAIORÍA ABERTA AO ACORDO CUN GOBERNO PARA TODOS E SEGUIR AVANZANDO NA MODERACIÓN E A ESTABILIDADE QUE OS GALEGOS DECIDIRON

ASEGURA QUE GALICIA TERÁ UN GOBERNO DESDE O PRIMEIRO ATA O ÚLTIMO DÍA DA LEXISLATURA, QUE CUMPRIRÁ A FOLLA DE RUTA AVALADA NAS URNAS E COA ATENCIÓN ÁS PERSOAS QUE MÁIS O PRECISAN COMO UN DOS EIXOS PRIORITARIOS

AFIRMA QUE O NOVO GOBERNO RESPONDERÁ AOS GALEGOS CON MENOS IMPOSTOS TAMÉN NESTA LEXISLATURA E CON NOVAS MEDIDAS PARA FACER DE GALICIA O MELLOR LUGAR PARA NACER E VIVIR

AVANZA QUE A PRIMEIRA DECISIÓN SERÁ A APROBACIÓN DO TEITO DE GASTO QUE PERMITIRÁ AFONDAR POR TERCEIRO ANO NA TENDENCIA CRECENTE E POÑER COA MÁXIMA RAPIDEZ CASE 250 MILLÓNS DE EUROS MÁIS Á DISPOSICIÓN DAS PRIORIDADES DOS GALEGOS

MÁIS EMPREGO E DE MELLOR CALIDADE

  • Anuncia unha nova Lei de emprego de Galicia para que: a taxa de paro se sitúe nunha cifra por debaixo dos dous díxitos, priorizar os colectivos máis afectados como os mozos, mulleres e parados de longa duración e reducir a temporalidade e a precariedade laboral
  • Propón unha estratexia máis ampla que converta Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo: extensión durante un ano máis da tarifa plana, creación do Bono Autónomo de ata 2.000 euros, ampliación en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar e a posta en marcha do Programa de remuda xeracional
  • Promoverase unha auditoría que detecte, aínda con maior claridade, posibilidades de axilizar todos os trámites da actividade económica

CRECEMENTO, INNOVACIÓN E COÑECEMENTO

 

  • Avanza a posta en marcha de novos programas de apoio á internacionalización, con máis coñecemento e máis innovación
  • Avoga por potenciar Galicia como sede de I+D+i creando consorcios de innovación e abrindo novas convocatorias de unidades mixtas
  • Reforzarase a Estratexia de captación de talento, flexibilizando os criterios de acceso ás axudas e incrementando os recursos do Programa Ignicia
  • Destaca a incidencia que teñen a FP e as universidades sobre a economía e avanza que se completará a adaptación do mapa de titulacións, ademais de introducir no ensino medio materias innovadoras como Robótica e Programación

 

OS SECTORES ESTRATÉXICOS E O SECTOR PRIMARIO, SINÓNIMO DE FUTURO

 

  • “Do mesmo xeito que a pasada lexislatura foi a do naval ou a da automoción, esta ten que ser a lexislatura do sector primario”, afirma
  • Destaca que grazas ás súas capacidades tecnolóxicas o naval pasou dunha situación sen novos pedidos a ter hoxe encargos por máis de 2.300 millóns de euros
  • Lembra que a automoción ten garantida actividade para a próxima década e 3.000 millóns de investimento para a industria auxiliar
  • Cun investimento de 150 millóns de euros estanse sentando as bases para que Galicia se converta nunha referencia mundial do sector aeronáutico
  • No eido do turismo recalca que se traballará desde o primeiro minuto para que o do 2021 sexa “o mellor Xacobeo da historia”
  • Expresa o seu convencemento de que as iniciativas de transformación láctea se traducirán en máis estabilidade, mellores prezos e un futuro con máis esperanza para os gandeiros
  • En materia forestal propón distintas melloras entre as que destaca o recoñecemento da figura do silvicultor activo, a redacción dos plans de ordenación de recursos forestais e o impulso aos deslindes de montes veciñais en man común
  • Salienta a importancia da cogobernanza co sector pesqueiro para mellorar a xestión dos recursos marítimos
  • Anuncia que tamén se poderán beneficiar do programa de impostos cero os mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade que adquiran a súa vivenda habitual nun municipio de menos de 20.000 habitantes

 

INFRAESTRUTURAS E PATRIMONIO AMBIENTAL E CULTURAL

 

  • Garante que se completará a rede de vías de altas prestacións para que a práctica totalidade dos galegos teñan unha ao seu carón
  • Anuncia a aprobación dun novo Plan de transporte público pensado para o século XXI, que integre o transporte a demanda e siga a impulsar a intermodalidade
  • Aposta por un crecemento “ordenado e sustentable”, con todas as infraestruturas hídricas funcionando ou coa execución garantida, con menos emisións de CO2 e coa vista posta en que todas as necesidades enerxéticas da Galicia do futuro poidan ser cubertas integramente con enerxías renovables
  • Unha nova Lei de patrimonio natural ampliará e blindará os nosos espazos protexidos e a primeira Lei de rehabilitación e mellora dos conxuntos históricos de Galicia promoverá a posta en valor dos nosos centros históricos
  • Comprométese a avanzar na ordenación do territorio cunha nova lei que substitúa a anterior, aprobando un Plan básico autonómico para que os concellos pequenos tamén poidan contar cun PXOM actualizado e que integre as recomendacións da Guía de cores e materiais

 

RESPOSTAS INTERXERACIONAIS, DESDE O BERCE ATA A TERCEIRA IDADE

 

  • Sitúa como os grandes retos do noso Estado do Benestar a personalización e adaptación ao contexto demográfico
  • “Esta será a lexislatura na que Galicia finalizará o novo Servizo Público Galego de Saúde”, asegura, que rematará co 100% dos galegos tendo ao seu carón un hospital ou un centro de saúde novo ou renovado
  • En materia educativa reforzarase a aposta polo plurilingüismo e a formación en igualdade e no respecto aos nosos símbolos, especialmente a lingua
  • Seguirase traballando para “consolidar Galicia como o mellor lugar para nacer e ser neno”, afondando nas medidas de conciliación e garantindo a Tarxeta Benvida ata 2020, que se ampliará ata os 3 anos para as familias en risco de pobreza ou exclusión social
  • Profundarase na aposta polo envellecemento activo, seguiranse creando prazas públicas para dependencia e apostarase por unha Sanidade pública que deixe de estar limitada fisicamente aos centros sanitarios e dea respostas á cronicidade
  • Fai un chamamento a todos os grupos políticos para reflexionar conxuntamente sobre o reto demográfico, “un asunto central no que nos queda de década e máis da próxima”
  • No eido da Xustiza as melloras centraranse en acelerar a informatización e facer realidade importantes infraestruturas en Tui, Pontevedra, A Coruña e Vigo
  • Avanza que os empregados públicos recuperarán nesta lexislatura o poder adquisitivo perdido durante a crise económica

 

UN FINANCIAMENTO ESTABLE, SUSTENTABLE E PROGRESIVO

 

  • Pide consenso á hora de reclamar un financiamento autonómico que remate coa provisionalidade, que respecte o reparto de responsabilidades entre Goberno central e as comunidades e que garanta a solidariedade interterritorial e recoñeza os cumpridores
  • Asegura que Galicia non está disposta a pagar nin os privilexios que algúns queiran obter nin tampouco a factura da parálise co AVE que está pendente desde hai décadas
  • “Galicia pedirá sempre dous requisitos previos nas relacións co Estado e coas restantes autonomías: lealdade e unidade”, di
  • Avoga por que a Conferencia de Presidentes deixe de ser excepcional e case simbólica para converterse en ordinaria e efectiva
  • En relación ao debate sobre o modelo territorial afirma que Galicia non pode apoiar un proceso que carece de rumbo e de punto de chegada, nin tampouco un trato de favor á insubordinación sistemática ao marco legal que fixemos entre todos

 

DIÁLOGO E CONSENSO

 

  • “Non esixo respecto para min, para o meu Goberno ou para o meu Grupo; esixo respecto para a maioría dos galegos aquí representados”, incide
  • “Galicia é de todos e todos temos a responsabilidade de facela nosa, para que os nosos fillos poidan ter a oportunidade de facela súa”, di
  • Salienta a disposición ao consenso dunha “maioría que está aberta a todos os galegos e a todos os membros desta Cámara”