Emprego

Un total de 179 persoas foron contratadas en 48 municipios da provincia de Lugo mediante o programa da Xunta Aprol Rural

image_gallery.jpg

  • Na Mariña lucense o número o programa beneficiou a medio cento de desempregados

Un total de 179 traballadores desempregados foron contratados nas últimas semanas na provincia de Lugo mediante o programa Aprol Rural posto en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, deu hoxe a coñecer os datos desta iniciativa, orientada aos concellos de poboación inferior a 10.000 habitantes. En Lugo adheríronse finalmente 48 concellos e “a Xunta concedeu axudas a todos os concellos que a pediron e por todos os traballadores solicitados”, segundo afirmou o delegado.

En conxunto, A Xunta de Galicia destinou aos concellos lucenses 1.057.915 euros para a realización destes contratos, que son a tempo completo.

O delegado explicou que a adxudicación realizouse garantindo un mínimo de dous contratos a cada concello solicitante, adxudicándose o resto en proporción inversa á poboación ata un máximo de 5 traballadores.

O obxectivo fundamental deste programa, sinalou Balseiro, “é mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados a través da adquisición de experiencia profesional nas zonas de menor poboación e con menos oportunidades laborais, co fin último de fixar poboación no medio rural”.

A contía das axudas que perciben os concellos equivale ao 80% dos custos salariais totais, incluída a cotización á Seguridade Social, segundo o convenio colectivo vixente.

Balseiro destacou que este programa, “ademais de ser unha ferramenta para o emprego, é tamén unha axuda ás facendas locais, que poden deste xeito incrementar o seu cadro de persoal para desenvolver obras ou servizos de interese xeral e social”.

Así, os concellos beneficiarios contrataron, entre outro persoal, 30 peóns para as brigadas de obras, 14 peóns forestais para a conservación de espazos naturais; 19 albaneis e peóns de albanelaría, 8 auxiliares administrativos, 7 xardineiros, 6 condutores, e conserxes, electricistas, limpadores, mecánicos ou arquitectos, ata sumar máis dunha trintena de categorías profesionais.

Cabe subliñar que o perfil profesional dos contratos era totalmente libre, á opción dos concellos en virtude das súas necesidades. Neste sentido, o delegado afirmou que “a Xunta asume que deben ser os concellos os que xestionen as axudas á súa medida e contraten ao persoal que estimen preciso, para adecuar o investimento ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local”.

O programa Aprol Rural, asegurou o delegado, “intenta ser un primeiro paso para que as persoas desempregadas adquiran experiencia profesional cara á integración no mercado de traballo; a Consellería de Economía realiza ao longo do ano diversas convocatorias de axudas tanto para mellorar a formación das persoas desempregadas como para impulsar a creación de postos de traballo”.

Nota oficial en Xunta.gal