Lactancia materna

A XUNTA DE GALICIA HABILITARÁ UNHA SALA DE REPOUSO E LACTACIÓN NO SEU EDIFICIO ADMINISTRATIVO EN LUGO

 Multiusos_Xunta_Lugo.JPG

 

  • O delegado territorial, Jose Manuel Balseiro, lembra que a medida ten por obxecto facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos así como promover a maternidade e paternidade en condicións de igualdade

Lugo, 27 de decembro de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o edificio administrativo autonómico situado na Ronda da Muralla contará cunha sala de repouso e lactación, unha medida que ten por obxecto facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos empregados públicos, así como promover a maternidade e paternidade en condicións de igualdade.

O novo espazo estará situado no andar baixo do edificio administrativo e será acondicionado co mobiliario e equipamento específico e axeitado para tal fin. En concreto, disporá de sofá, microondas, cambiacueiros e outros elementos para garantir o confort das futuras persoas usuarias.

Con estas salas a Administración autonómica galega facilitará que as traballadoras embarazadas e as nais lactantes teñan a posibilidade de descansar tombadas nun lugar apropiado, así como de lactar ao seu fillo ou filla con tranquilidade. As mesmas condicións tamén se darán no caso da lactación artificial por parte de nais ou pais.

O delegado territorial aclarou que favorecerá sobe todo aos máis de setecentos traballadores que prestan o seu servizo no edificio administrativo da Xunta en Lugo pero, non se descarta que poida empregarse tamén por parte dos usuarios que veñen a facer algún tipo de xestión ao mesmo.