XXVI Festa do Ourizo

O delegado territorial participou nos actos programados nesta cita gastronómica declarada de interese turístico galego

 BALSEIRO SALIENTA QUE A FESTA DO OURIZO NACEU DO POBO QUE IMPLICADO NA MESMA SEGUE A EXPLICAR A RAZÓN DO SEU ÉXITO

 17342888_10156498233403973_2473933088479481441_n.jpg

  • A administración autonómica colabora a través da Consellería do Mar, Turismo de Galicia, a autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e o GALP A Mariña – Ortegal

San Ciprián, 18 de marzo 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou esta mañá durante a celebración da XXVI edición da Festa do Ourizo de San Ciprián (Cervo) que esta celebración naceu “como unha idea do propio pobo -por e para o pobo-“ e sobre a que, tamén é xusto significar “que moita da razón que xustifica o seu éxito ten que ver co elevado grado de implicación da veciñanza e da propia hostalería local desde a súa orixe”.

Balseiro dixo tamén que “neste impulso á festa, teño que lembrar e recoñecer o  papel e contribución dos autores desa primeira idea, e o feito de que foran os propios veciños quen a promoveran, pois aquilo que nace do pobo sempre ten éxito. Máis aínda cando comprometéndose coa mesma conseguiron fomentar a integración do produto exaltado, o ourizo mariño, nos hábitos culinarios da zona”

O dirixente territorial participou nos actos programados nesta cita gastronómica declarada de interese turístico de Galicia onde lembrou que marzo e abril son os meses principais nos que nas costas luguesas ten lugar a captura do ourizo mariño, un produto que, de recibir escasa atención gastronómica, pasou a significar unha exquisitez moi valorada por aqueles que entenden da boa cociña.

Balseiro dixo tamén que a administración autonómica colabora nesta organización a través da Consellería do Mar, con apoios de Turismo de Galicia, a autoridade Portuaria Ferrol – San Ciprián e o GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) A Mariña Ortegal, convencidos da importancia de poñer en valor os recursos gastronómicos que nos son propios, que é outro xeito máis de seguir facendo da pesca e do marisqueo un sector de futuro, repleto de produtos de gran calidade con grandes oportunidades.