Encontro institucional

O delegado territorial da Xunta en Lugo, _José Manuel Balseiro, mantivo un encontro co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos

PRINCIPIO DE ACORDO ENTRE A XUNTA E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL PARA IMPULSAR OS XEODESTINOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA DE LUGO

 070417 Reunión co presidente da Deputación.jpg

  • Concordaron tamén na importancia de seguir avanzando no obxectivo conxunto de conseguir a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
  • A Xunta estuda fórmulas para facer realidade a equiparación salarial dos bombeiros lucenses aos do conxunto de Galicia pero aclara que debe ser unha solución aplicable ao conxunto do ámbito galego
  • Balseiro insiste na necesidade de que a Deputación de Lugo inscriba a SUPLUSA no rexistro RUEPSS e reitera a vontade da Xunta para colaborar na posta en marcha de novos equipamentos para maiores na provincia

Lugo, 7 de abril de 2017.- A administración autonómica e provincial veñen de chegar a un principio de acordo para colaborar no impulso dos xeodestinos turísticos que aínda restan por constituírse na provincia de Lugo, en particular, os que agrupan aos concellos da Montaña lucense, Lugo, Terra Chá, A Ulloa e Sarria.

Xunta e Deputación comprométense a convocar unha xuntanza conxunta, despois de Semana Santa, na que participarán ambas administracións e os concellos lucenses a modo de concretar o xeito no que se materializará esa colaboración, en particular, desde o punto de vista técnico e económico.

A Delegación Territorial da Xunta ven impulsando contactos a todos os niveis para que a totalidade do territorio da nosa provincia teña cobertura nun xeodestino. Faise isto, convencidos de que estas ferramentas, que identifican os recursos visitables máis salientables en cada zona, servirán para incrementar a demanda turística, en viaxeiros e pernoctacións, e tamén para recibir as axudas económicas que xa existen para impulsar estas iniciativas.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, logo da xuntanza que mantivo co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, solicitada o pasado mes de decembro, e que tivo lugar no día de hoxe.

Ribeira Sacra

Ambos interlocutores concordaron tamén na importancia de seguir avanzando no obxectivo conxunto de conseguir a declaración  como Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra e que esta iniciativa poida dar os seus froitos.

O delegado territorial explicou que se trata dun expediente moi complexo no aspecto técnico, pois debe servir como base para competir a nivel nacional e internacional pola consideración como patrimonio mundial. Nese sentido Balseiro defendeu que a Xunta traballa desde o primeiro momento en que recibiu a documentación de base para axustala aos requirimentos necesarios e ter garantías de que a declaración poida saír adiante.

Balseiro lembrou tamén que desde a Consellería xa explicaron que está previsto que no verán se incoe o expediente de declaración  como Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, un paso previo moi importante.

 Bombeiros

O delegado territorial explicou que existe vontade por parte da administración autonómica respecto da equiparación salarial dos bombeiros lucenses que prestan o seu servizo como parte do Consorcio Provincial que integran ambas administracións.

En todo caso, aclarou que a Xunta está obrigada a estudar este tema no seu conxunto, pensando en toda Galicia, xa que logo non pode dar unha solución individualizada para a provincia de Lugo cando hai outros consorcios no resto de Galicia nos que tamén se está a dar esta mesma demanda. Indicou que desde a administración autonómica se está estudando a partida e cuantificación económica desta materia.

Residencias

Balseiro reiterou a vontade da Xunta, ratificada na reunión que mantiveron nas pasadas datas co presidente do Goberno galego, para colaborar coa Deputación na posta en marcha de novos equipamentos para maiores na provincia, aínda que loxicamente priorizando os centros que a Xunta impulsou e quere poñer en pleno servizo (Foz, Baleira, Cervo, Paradela)

Con todo, desde a administración autonómica amosaron o seu desexo de que esta cuestión avance e a disposición a dialogar en interese dos veciños da provincia. Desde a Xunta se insiste na necesidade de que se dea un paso como é a inscrición de SUPLUSA no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), paso imprescindible xa que non hai en Galicia ningún centro onde se presten servizos sociais que non estea inscrito neste rexistro

Finalmente Balseiro agradeceu o recibimento e explicou que espera que este encontro sexa o primeiro paso para abrir un diálogo fluído que lles permita chegar a futuros acordos, porque os cidadáns o que queren é que as administracións -á marxe de quen as goberne-   dialoguen e tomen decisións con capacidade para solucionar problemas e mellorar a situación dos lucenses.