Xornadas de accesibilidade

BALSEIRO SUBLIÑA QUE A ACCESIBILIDADE É “PRIORITARIA PARA LOGRAR A PLENA INCLUSIÓN E O DESENVOLVEMENTO  DAS DISTINTAS CAPACIDADES DAS PERSOAS”

  • O delegado territorial da Xunta participou na inauguración da xornada sobre a materia organizada por Predif Galicia, Auxilia e Lugo Monumental

Lugo, 8 de xuño de 2017.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, afirmou hoxe que avanzar na accesibilidade universal é “prioritario para lograr a plena inclusión e o desenvolvemento das distintas capacidades das persoas”.

Balseiro realizou estas declaracións durante a inauguración das “Xornadas para o fomento da accesibilidade universal” organizadas por Predif Galicia, Auxilia Lugo e Lugo Monumental, que a través dunha serie de talleres pretenden sensibilizar á sociedade sobre as diferentes barreiras que atopan as persoas con discapacidade no seu día a día.

O delegado manifestou a necesidade de “loitar por unha cidade, unha provincia, máis inclusiva nas formas e no fondo”, eliminando barreiras arquitectónicas pero tamén “prexuízos que frean o potencial das persoas con diversidade funcional”. En sintonía co lema da xornada, Ponte nas miñas botas, Balseiro afirmou que “esta barreira non se resolve con cemento, senón achegándose á outra persoa, coñecendo a súa realidade”.

Ao respecto, sinalou que a Xunta de Galicia traballa pola accesibilidade “dos espazos públicos e do noso patrimonio, conxugando, cando sexa preciso, a integridade do ben cultural co dereito de acceso de todos os cidadáns á cultura”.

Neste sentido, fixo referencia á instalación dun ascensor de acceso á Muralla de Lugo por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a outros proxectos, como a Estratexia de Turismo 2020, que aposta por posicionar a Galicia  como destino do turismo accesible.