Día dos arquivos

DOUS PLANOS DE 1908 DOS MONTES DE SANTIAGO DE QUENDE, EN ABADÍN, CENTRAN A CELEBRACIÓN DO DÍA DOS ARQUIVOS NO HISTÓRICO PROVINCIAL

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou o papel fundamental deste centro, “preservando a nosa historia e a nosa memoria”

Lugo, 9 de xuño de 2017.- O Arquivo Histórico Provincial celebrou hoxe o Día Internacional dos Arquivos coa presentación ao público dalgún dos documentos singulares que custodia, neste caso dous planos dos montes de Santiago de Quende, en Abadín, elaborados no ano 1908.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou no acto e destacou “o papel fundamental que desempeña este centro, preservando a nosa historia e da nosa memoria”. Ao respecto, lembrou que o Arquivo Histórico de Lugo atendeu o pasado ano a 1.962 usuarios externos á administración, que realizaron máis de 2.500 consultas e consultaron máis de 17.600 caixas de documentos.

Ademais, o centro, que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atende consultas das administracións e, en concreto, presta servizo ás unidades administrativas da Xunta na provincia.

Para o acto central do Día dos Arquivos editouse un folleto informativo que explica as circunstancias e a orixe dos planos dos montes de Santiago de Quende. A directora do Arquivo Histórico, Dolores Pereira, e os técnicos encargados de estudar a documentación, explicaron que forman parte dun expediente xudicial de reclamación que o agrimensor José Prieto Pacio -o autor dos planos- lle fai á comunidade de socios propietarios polo pago dos seus servizos na elaboración da partición dos montes abertais.

O expediente iníciase coa presentación da partilla dos montes de Quende, para a cal o agrimensor elabora uns planos topográficos de gran calidade nos que se aprecia detalladamente a repartición das distintas clases de zonas entre os 48 copartícipes.

Os montes abertais

O expediente axuda a comprender a transcendencia que tiñan os montes de aproveitamento común na economía agraria galega. Resulta aclaratorio da singularidade dunha forma de propiedade colectiva do monte que, sobre todo, se daba na parte setentrional de Galicia: os montes abertais, tamén chamados de voces, de varas ou de fabeo, que se diferencian dos montes comunais ou de man común.

Os montes abertais, abertos e en proindiviso, son unha forma de comunidade de orixe romana, que se caracterizan pola repartición en cuotas desiguais entre os copartícipes, nos que a propiedade non está vinculada á condición de veciño; son montes de titularidade privada polo que cada propietario pode vender, ceder ou transmitir a súa parte, é dicir que non son inalleables e imprescritibles como os montes veciñais de man común.

O monte comunal sufriu un retroceso sobre todo desde finais do século XIX e principios do século XX, consecuencia de apropiacións individuais ou da división definitiva do monte de varas. No documento constátase este proceso mediante un convenio que os veciños de Quende subscriben ante notario público en 1842 no que dividen as partes de monte ocupadas quedando o resto en réxime aberto.

En suma, segundo se explicou hoxe no acto de presentación do documento, nestas reparticións está a orixe de gran parte dos montes de propiedade particular que existen na Galicia setentrional. A importancia deste tipo de documentación radica na posibilidade de servir de proba de dereitos, así como no coñecemento que pode achegar para o estudo da propiedade de terra en Galicia.