Educación

A XUNTA INVISTE PRETO DE 10.000 EUROS PARA MELLORAR DOUS CENTROS EDUCATIVOS DE MONFORTE DE CARA AO VINDEIRO CURSO

 

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, lembra que a Xunta traballa para manter nas mellores condicións as instalacións educativas para que se adapten ás necesidades do alumnado, faciliten o labor dos docentes e, en suma, sexan o marco adecuado para o desenvolvemento dunha educación pública de calidade”

Monforte (Lugo), 25 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa impulsando melloras nos centros educativos da Cidade de Monforte aproveitando as vacacións escolares e, máis en concreto, realiza unha achega de preto de 10.000 euros para executar novas obras no instituto A Pinguela e no CEIP A Gándara.

A principal actuación irá destinada ao instituto e consistirá na mellora dos aseos para o uso por persoas con mobilidade reducida, incluídos os emprazados no segundo andar que na actualidade non estaban adaptados. Tamén se realizarán obras das mesmas características no colexio da Gándara que inclúen o cambio de fiestras.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos incidirán nunha maior comodidade e seguridade para a comunidade educativa, así como na adaptación destes espazos para persoas con necesidades especiais ou dificultades motoras puntuais ou permanentes.

Balseiro, destacou que estas actuacións enmárcase dentro da segunda fase de obras de conservación e mantemento nos centros educativos da provincia, de cara a mellorar as instalacións para o próximo curso. De feito, se suman ao medio centenar de obras que xa estaban en marcha dende o pasado mes de xullo.

O delegado di que o Goberno galego está comprometido en “manter nas mellores condicións as instalacións educativas para que se adapten ás necesidades do alumnado, faciliten o labor dos docentes e, en suma, sexan o marco adecuado para o desenvolvemento dunha educación pública de calidade”.