A XUNTA PON EN MARCHA UN PLAN DE REFORZO DA SEGURIDADE VIARIA NOS CRUZAMENTOS DA RUTA PRIMITIVA DO CAMIÑO DE SANTIAGO

 las-ruinas-del-hospital-de-montouto-a-fonsagrada-c-rodriguez_622_p.jpg

  • O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, reuniuse co presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, Ángel Trabada, para consensuar o plan de actuacións que contribúan á mellora da seguridade dos peregrinos

 

Lugo, 7 de setembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pon en marcha un plan de reforzo da seguridade viaria nos puntos de cruzamento entre as estradas autonómicas e a ruta primitiva do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.

Iniciativa conxunta co Asociación Provincial de Amigos do Camiño

Así o acordaron esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e a Asociación Provincial de Amigos do Camiño de Santiago, representada polo seu presidente Ángel Trabada, que no seu día solicitou formalmente que se estudaran a adopción deste tipo de medidas.

O obxectivo desta actuación é reducir os riscos de accidente ou atropelos e mellorar a convivencia entre os peregrinos que empregan esta ruta e os vehículos que transitan polas estradas autonómicas. As accións contribuirán a evitar situacións de perigo en especial nas interseccións.

Estudo previo de todas as interseccións

Os técnicos da área provincial da Axencia Galega de Infraestruturas en Lugo realizaron un estudo pormenorizado dos 120 quilómetros do Camiño Primitivo ao seu paso pola provincia de Lugo, entre O Acevo (A Fonsagrada) e Palas de Rei, analizando todas as interseccións con estradas autonómicas, as condicións de visibilidade, a distancia de freado e as condicións de sinalización e situación dos pavimentos.

Logo deste estudo, a Xunta acordou actuar en dezaseis puntos, con distintas medidas de reforzo da sinalización e acondicionamento. Na maioría dos casos, implicará a implantación de novas sinais de advertencia de perigo polo cruzamento de peóns e peregrinos, reforzando así a sinalización preexistente, pero tamén se adaptará a velocidade máxima permitida e, naqueles puntos de peor visibilidade, se instalarán bandas transversais de alerta sobre o propio pavimento.

Serán tres as estradas nas que se desenvolverá este programa: A LU-701, nas interseccións de Fonfria, Barbeitos, Silvela, Paradanova; na Lu-530 nos cruzamentos de Padrón, xunto ao cemiterio, ademais dos de Xestoso da Riba, Caserío Veiga, A Calzada, Monte da Matanza, entrada e saída de Castroverde e en Carballido e Manzoi; e, finalmente na intersección de A Louzaneta coa estrada LU-232.

Cómpre lembrar que a ruta do Camiño primitivo de Santiago, percorre sete concellos lucenses, en concreto, os da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei.

Prazo de execución de dous meses

Os traballos desenvolveranse progresivamente nas vindeiras semanas e prevese que se prolonguen durante o mes de outubro. Os encargados da súa implantación o farán con cargo ao contrato de conservación ordinaria.

Este novo plan complementará o que xa está en marcha grazas a un convenio entre Turismo de Galicia e o Ministerio de Fomento, polo que as dúas administracións acordaron impulsar novos traballos específicos para a mellora da seguridade viaria nos puntos de cruzamento entre as estradas estatais e autonómicas e a ruta francesa do Camiño de Santiago.