Comprometidos co Baleira

A XUNTA MELLORA A CALIDADE DE VIDA DA VECIÑANZA DE BALEIRA ACHEGANDO MÁIS DE 2,4 MILLÓNS DE EUROS EN NOVAS OBRAS E SERVIZOS NOS ÚLTIMOS DOUS ANOS

 280917 Baleira.jpg

  • O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Ángel Martínez-Puga, comprobou algunha das actuacións executadas en conxunto, a máis recente a adquisición dunha motoniveladora que permitirá realizar traballos de conservación e mantemento en camiños agrícolas e forestais

 

Baleira (Lugo), 28 de setembro de 2017.- A Xunta de Galicia mellora a calidade de vida das veciñas e veciños de Baleira achegando, nos dous últimos anos, máis de 2,4 millóns de euros en novas obras e servizos apoiados con fondos autonómicos.

Así o explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, nunha visita á localidade, na que estivo acompañado polo alcalde, Ángel Martínez-Puga, e na que puideron comprobar de primeira man algunha destas actuacións impulsadas en conxunto.

Recente adquisición dunha motoniveladora

Por exemplo, con axudas do Fondo de Compensación Ambiental –vinculado ao canón eólico da Xunta- o Concello acaba de adquirir unha motoniveladora, que pasará a formar parte do parque móbil municipal.

Este novo vehículo, de gran versatilidade, servirá para executar directamente distintos  traballos de conservación e mantemento de camiños agrícolas e forestais, refinado de noiros e cunetas.

Outros investimentos

Pero a colaboración da Xunta e do Concello de Baleira vai moito máis alá e, por exemplo, a administración autonómica vén de achegar preto de 120.000 euros para o sostemento do servizo de axuda no fogar que atende ás persoas en situación de dependencia ou, sen saír do ámbito social, case 150.000 euros para o equipamento da futura residencia da terceira idade.

Tamén a Xunta financiou a posta en marcha dun obradoiro de emprego neste concello, compartido con Castroverde e subvencionou a contratación de tres traballadores a través do programa Aprol rural e tamén dun socorrista.

Un millón de euros para os profesionais do rural

Outra das achegas máis relevantes ten que ver coas axudas directas aos profesionais do medio rural que superaron o millón de euros ou a distintos programas como o Plan marco de mellora de camiños rurais (94.000 euros), as redes de camiños da concentración parcelaria (160.000 euros), e os 57.864 euros recibidos para a mellora da sinalización na ruta do Camiño Primitivo.

Tamén se executaron obras para a substitución do lousado e pintado da casa consistorial e obras interiores financiadas nun 80% con axudas da Vicepresidencia ou para a adquisición, xa o ano pasado, dun camión con caixa basculante e guindastre.

O Concello tamén se  beneficiou das axudas do plan Hurbe, por case 60.000 euros, que permitiron impulsar actuacións de mellora da seguridade, accesibilidade e calidade de Vilagracía de Corneas, Vilarín e Vilaouriz e, a través da Consellería de Infraestruturas, acometeuse o reforzo localizado do firme na estrada LU-530.

“O Goberno galego ten un firme compromiso con Baleira que se materializa nestes e noutros apoios, convertendo á autonómica na administración que máis inviste no municipio, en cooperación co Concello. Estamos convencidos de que todas estas obras e servizos redundan na mellora da calidade de vida da súa veciñanza”-dixo Balseiro.