Paradela

200 VECIÑOS DAS PARROQUIAS RURAIS DE CORTES E SAN XOÁN DE LOIO BENEFICIARANSE DA NOVA REDE DE AUGA POTABLE QUE A XUNTA E O CONCELLO IMPULSAN EN PARADELA

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Jose Manuel Mato, visitaron a zona e presentaron o proxecto construtivo ante a veciñanza

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licitaba por importe de 350.000 euros estas obras que inclúen a execución da rede de abastecemento e tamén unha estación potabilizadora

Tamén esta semana a Consellería de Política Social licitaba en 130.000 euros o equipamento para o futuro centro de día-fogar residencial desta localidade

Lugo, 5 de outubro de 2017.- Preto de 200 veciños das parroquias de Cortes e San Xoán de Loio beneficiaranse da nova rede de auga potable que se executará grazas á colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Paradela.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen, acompañado do alcalde da localidade, Jose Manuel Mato, visitaron esta mañá os espazos onde se desenvolverán estas obras e presentaron o proxecto construtivo ante a veciñanza.

O Goberno galego reserva para estes traballos un investimento de 350.000 euros que se corresponden co orzamento de licitación desta obra segundo o publicado esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia.

Auga potable con calidade en fogares e explotación gandeiras

A actuación proxectada busca ampliar este servizo ao universalizar o abastecemento de auga potable nestes espazos rurais, en concreto, permitirá a súa distribución nos núcleos da Tellada, Parrocha, As Cortes, Vilachá, Pacios e Loio, onde ou ben carecían del ou ben sufrían avarías frecuentes.

Ademais de abastecer aos fogares particulares, a nova rede tamén dará servicio á ampla cabana gandeira, que segundo o censo de Consellería de Medio Rural é de máis de 40 cabezas de ovino, 536 de bobino e 499 cabezas de gando porcino.

Máis de 6.500 metros de colectores, nova ETAP e nova captación no rio Loio

A obras proxectadas inclúen a execución dunha nova rede de 6.500 metros de lonxitude, (sumando o colector principal e os secundarios) unha nova captación que se situará no río Loio e unha nova ETAP, que se emprazará nun edificio ao lado do depósito existente onde se instalará un decantador lamelar, dous filtros de area, e un sistema de cloración.

Balseiro apuntou que “aínda que na súa maioría serán obras que non se ven, porque están soterradas, son moi necesarias para seguir mellorando a calidade de vida dos veciños, neste caso en beneficio daqueles que viven no rural” . De feito Xunta e Concello buscan “que as inversión cheguen a cada parroquia que así o precise”

Futuro centro de día-residencial

Pero esta non é a única boa nova que recibía a veciñanza de Paradela nestas semanas, pois tamén recentemente a Consellería de Política Social licitaba o equipamento para o futuro centro de día-fogar residencial desta localidade.

O orzamento desta actuación é de preto de 130.000 euros e o prazo de execución será de 30 días. O centro, en cuxa construción que a administración autonómica investiu algo máis de 1,6 millóns de euros, terá unha capacidade de 20 prazas de centro de día e 24 de fogar residencial.