Portas abertas na Tineria

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, presidiu a xornada de portas abertas onde distintos colectivos veciñais, empresarias e particulares puideron coñecer as características dos locais que serán obxecto de puxa

A XUNTA DÁ UN PASO MÁIS NO COMPROMISO PARA A REVITALIZACIÓN DO BARRIO DA TINERÍA E PON 11 LOCAIS COMERCIAIS DA SÚA PROPIEDADE EN VENDA OU ALUGUEIRO

 061017 Tineria2

  • Balseiro, tras lembrar o esforzo do goberno galego coa rehabilitación de vivendas e espazos urbanos, fai un chamamento a todas as administracións para sumar esforzos e abordar tamén o desafío social que este barrio representa
  • A Xunta anuncia a súa disposición de participar na Mesa encargada de elaborar un plan de dinamización deste barrio convocada pola asociación de veciños e comerciantes

 

Lugo, 6 de outubro de 2017.- A Consellería de Infraestrutura e Vivenda dá un paso máis no seu compromiso de contribuír á revitalización e recuperación do barrio da Tinería, emprazado en pleno casco histórico da cidade lucense, e complementará os esforzos que a administración autonómica xa realiza coa rehabilitación e entrega de vivendas protexidas, poñendo a disposición de particulares e de empresas once locais comerciais da súa propiedade en réxime de venda ou alugueiro.

Para dar a coñecer as características deste locais e poder visitalos, a Xunta organizou esta mañá unha xornada de portas abertas onde distintos colectivos veciñais, empresarias e particulares puideron coñecer as características dos locais que serán obxecto de puxa. O delegado territorial explica que todos estes locais teñen unha dobre opción de acceso: a compra ou o alugueiro, a petición dos interesados, aínda que os que opten pola venda terán preferencia.

En concreto, os locais dispoñibles son os seguintes:

Superficie Enderezo Valor Venda Renda anual
54,2 RINCONADA DO MIÑO, 8 66.622,10 € 1.998,66 €
70,1 MIÑO, 26 – BAIXO 106.894,94 € 3.206,85 €
106,44 MIÑO, 32 – BAIXO 165.313,87 € 4.959,42 €
20,34 TINERÍA, 36 Piso: BAI 23.715,39 € 711,46 €
51 RUA TINERÍA 24 Piso: BAJ 52.823,76 € 1.584,71 €
46 RÚA TINERÍA 42 Piso: BAJ 44.055,12 € 1.321,65 €
37,2 TINERÍA 44 Piso: BAI 35.627,18 € 1.068,82 €
18,9 RECANTO DO MIÑO Nº15 Piso: PB 16.716,86 € 585,09
51,47 MIÑO Nº23 Piso: BX 78.458,24 € 2.353,75 €
53,48 PRACIÑA DA UNIVERSIDADE Nº3 Piso: PB Letra: 1 69.562,50 € 2.434,68 €
50,24 PRACIÑA DA UNIVERSIDADE Nº3 Piso: BAI Letra: 2 65.348,17 € 2.287,17 €

“Queremos facer da Tinería un espazo de oportunidades para os que aposten por iniciar aquí un proxecto empresarial, e tamén, por suposto, fortalecer a competitividade dos que, desde actividades legais, xa teñen apostado por este barrio para impulsar o seu proxecto de emprendemento”, apuntou Balseiro.

Chamamento a sumar esforzos para afrontar o desafío social

Con todo, o delegado territorial tamén indicou que recuperar a Tinería “só será posible si conseguimos que máis familias aposten por este barrio como fogar ou se conseguimos que sexa un espazo, como todos os casos históricos das grandes cidades, ideal para o emprendemento e o comercio”.

Para acadar ambos obxectivos hai que “afrontar tamén o desafío social que todos temos en mente” e nesa liña chamou a “sumar esforzos, as distintas administracións e colectivos, cada quen no ámbito das súas competencias, para revitalizar e encher de vida este barrio”.

Nesta liña, Balseiro adiantou a “máxima disposición da Xunta” para participar na Mesa convocada pola asociación de veciños, comerciantes e empresarios, que busca elaborar un plan de dinamización da Tinería. “Cremos que é un foro adecuado para acadar eses consensos e que vaiamos da man neste obxectivo”, afirmou.

“Queremos cooperar co Concello, coa Deputación, co Goberno central, para que esta zona emblemática do centro histórico da nosa cidade recupere o esplendor que nunca debera ter perdido”, concluíu o delegado territorial.