Programa Rexurbe -Lugo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, presentou esta iniciativa ás asociacións de veciños e de empresarios do barrio da Tinería

A XUNTA CONVOCA UN CONCURSO PÚBLICO PARA A ADQUISICIÓN DE INMOBLES ABANDONADOS NO CASCO VELLO DE LUGO PARA REHABILITALOS E DESTINALOS A ALUGUEIRO SOCIAL


  • 120118 Rexurbe LugoO Goberno galego destina 500.000 euros ao proceso de adquisición e tras rehabilitar os edificios agarda obter arredor de 9 novas vivendas na zona
  • Trátase do primeiro concurso público de compra de vivendas para rehabilitar que convoca a Xunta de Galicia
  • Os propietarios interesados dispoñen dun prazo de tres meses para presentar as súas ofertas
  • A Xunta xa rehabilitou 85 vivendas na Tinería e proximamente iniciará a rehabilitación doutras 9, obras adxudicadas ou que se adxudicarán en breve

Lugo, 12 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono na zona da Tinería, do casco vello de Lugo, para rehabilitalos e destinalos a alugueiro social, co obxectivo de acadar arredor de 9 novas vivendas rehabilitadas. Para elo, o Goberno galego destinará 500.000 euros durante este ano para adquisición dos devanditos inmobles. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Lugo, Ferrol, Betanzos e Ourense, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación. Para obter máis información, pode consultarse o seguinte enlace: https://goo.gl/X41mCN.

Trátase, en definitiva, dun concurso público no que os propietarios interesados poderán ofrecer os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos pola Administración autonómica. E, precisamente, así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aos representantes das asociacións de veciños e comerciantes e de empresarios do barrio, reunidos a tal efecto esta mañá, para coñecer de primeira man as características deste programa.

“Tiñamos o compromiso de investir a totalidade dos recursos que obtivéramos pola venda dos locais comerciais da Tinería a rehabilitación, pero o Concello optou polo aluguer, pechando esta posibilidade. Con todo, nós mantemos ese compromiso coa cidade e hoxe anunciamos a intención do Goberno galego de adquirir 9 novas vivendas, por valor de 500.000 euros que despois serán rehabilitadas e, polo tanto, o investimento previsto polo Goberno galego con este obxecto será próximo aos dous millóns de euros, entre compra inicial e posterior rehabilitación”-dixo Balseiro.

Características e procedemento de seleccións dos inmobles

Os inmobles que adquira a Xunta deberán estar situados no casco vello de Lugo, nas rúas Tinería, Miño, Recanto do Miño, Travesía do Miño, Falcó e Moucho e, ademais de atoparse en estado de abandono ou semiabandono, deben reunir uns requisitos mínimos que permitan:

  • Que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade
  • Non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.
  • Estarán inscritas no Rexistro da Propiedade

Ademais, o custe de adquisición non poderá superar o valor de mercado do inmoble nin un valor máximo que se calculará coas fórmulas e parámetros incluídos na resolución para cada rúa ou zona. Balseiro explico que “de maneira orientativa, os prezos de adquisición en Lugo oscilarán entre 143 e 317 euros por metro cadrado edificable destinado a vivenda. Adquiriranse inmobles cun alto nivel de deterioro co obxectivo de actuar sobre os que presentan as peores condicións”.

A Xunta seleccionará os inmobles a adquirir conforme a os criterios fixados na resolución, entre os que destacan: Edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación; edificios cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado e; finalmente, ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.

O propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen dun prazo de tres meses para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Prevese que a adquisición en escritura pública se formalice no próximo verán e despois procederase á redacción dos proxectos de rehabilitación ou construción.

 Un compromiso permanente coa rehabilitación deste barrio

Cómpre lembrar, como salientou Balseiro, que na Tinería, o Goberno galego xa rehabilitou 35 unidades edificatorias nas que se obtiveron 85 vivendas, 22 locais en planta baixa e 2 edificios de oficinas, cun investimento que supera os 25 millóns de euros.

Ademais, está adxudicada a rehabilitación do inmoble emprazado nesta mesma zona, Tinería 15, que se atopa pendente de licenza municipal, solicitada hai un ano, para o inicio das obras; e en trámites para a adxudicación da rehabilitación de tres inmobles emprazados en Tinería 30, Recanto do Miño 11-13 e Recanto do Miño 17, cuxos contratos foron licitados o pasado 7 de decembro. En total, a Xunta investirá na rehabilitación destes catro inmobles preto de 1,2 millóns de euros.

Un saúdo