Escola de idiomas de Lugo

MÁIS DE 1.500 ALUMNOS FÓRMANSE EN SETE LINGUAS DIFERENTES NA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE LUGO

220118 EOI Lugo1.jpg

  • O delegado territorial da Xunta en Lugo visitou esta mañá as instalacións emprazadas na ronda Xosé Castiñeira da capital lucense
  • A Consellería de Cultura e Educación destina cada ano 1,5 millóns de euros a gastos de funcionamento desta escola, incluído persoal
  • José Manuel Balseiro puxo en valor a excelente labor que realizan as 38 persoas que compoñen o cadro de persoal da escola lucense

 

Lugo, 22 de xaneiro de 2018.- Máis de 1.500 alumnas e alumnos cursan ensinanzas en sete linguas diferentes que se imparten nas instalacións da Escola Oficial de Idiomas (EOI), emprazadas na ronda Músico Xosé Castiñeira da capital lucense.

Por orde de preferencia o inglés segue a ser a lingua con máis número  de matriculados (924 alumnos), seguida do francés (128 alumnos), do galego (126 alumnos), do portugués (108 alumnos) e das ensinanzas en alemán (89 alumnos), italiano (65 alumnos) e chinés (31 alumnos)

A escola lucense tamén acolle cursos monográficos en inglés e alemán, os preparatorios para o CELGA e o de linguaxe administrativa en galego, ata completar o número total de inscritos tanto na oferta de matrícula oficial (cursos presenciais) como na oferta libre (presentación a probas que acreditan o nivel)

Aínda que a escola emprazada na cidade de Lugo é o centro principal tamén existe unha segunda sección, dependente da lucense, no IES Gregorio Fernández de Sarria que, neste caso, conta con 51 matriculados adicionais, nos distintos niveis de inglés (básico, intermedio e avanzado)

Visita do delegado

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao centro da capital lucense onde puxo en valor o excelente labor que realizan as 45 persoas que compoñen o cadro de persoal da escola (36 docentes en Lugo e dous máis en Sarria, outras dúas persoas como administrativas, catro persoas mais na categoría de subalternos e un persoa máis dedicada á labores de limpeza das instalacións)

Balseiro deu a coñecer que a Consellería de Cultura e Educación inviste preto de 1,6 millóns de euros cada ano no sostemento desta escola, contía que tamén comprende os gastos propios da sección de Sarria. O groso do investimento está destinado a custos de persoal, aos que hai que engadir os habituais de mantemento.

“Coñecer idiomas cada día é máis necesario para acceder ao mercado laboral ou para mellorar as perspectivas profesionais, e por iso, as Escolas Oficiais de Idiomas ofrecen unha formación indispensable para desenvolverse na sociedade global, xa que o coñecemento de idiomas multiplica as oportunidades laborais e persoais”

Principais novidades

O actual curso académico presenta como principais novidades a apertura dun grupo de nivel intermedio en chinés e a oferta dos cursos monográficos en inglés e alemán, que están a ter unha boa acollida e importante demanda e que permiten adquirir destrezas de expresión oral e escrita.

Outras novidades son o desenvolvemento dun programa de voluntariado de biblioteca (que conta coa colaboración do alumnado), outro de voluntariado lingüístico (entre alumnado de distintos niveis), a participación no programa Erasmus de intercambio escolar con terceiros países ou no proxecto Familias multilingües, para concienciar sobre a importancia de educar aos fillos en varios idiomas.

Balseiro insistiu en que a Escola Oficial de Idiomas presta un servizo educativo fundamental en Lugo e na súa comarca, e tamén en Sarria, e está especialmente indicada para os mozos e mozas que queren ampliar os estudos con vistas a incrementar a súa cualificación, así como a persoas e profesionais de todas as ideas que desexen  mellorar as súas expectativas profesionais