Hula

A XUNTA DI QUE O CONCELLO DE LUGO “NON FIXO OS SEUS DEBERES” E INSTA Á ADMINISTRACIÓN LOCAL A HABILITAR APARCAMENTOS GRATUÍTOS NO ENTORNO DO HULA

 

§  O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, di que o centro hospitalario está rodeado de terreos, “a toxos e sen valor urbanístico, algúns incluso de propiedade municipal”, que o Concello debera ter habilitados como zonas de estacionamento de balde

§  Balseiro contrapón o enorme esforzo inversor feito pola Xunta “para construír e poñer en funcionamento un dos mellores hospitais de Europa” fronte a nula inversión do Concello nesta mesma zona durante os últimos anos

§  Eliminar a concesión sobre o parking interior do Hula, ademais de ser lesivo pola perda das contraprestacións, non resolvería o problema porque a capacidade deste parking é limitada con respecto ás necesidades dos usuarios do hospital

§  Pregunta se o Concello actuará en coherencia coa súa demanda e aplicará a gratuidade nas prazas de todos os parkings municipais cidade

—-

Lugo, 24 de agosto de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, instou ao Concello de Lugo a habilitar prazas de aparcamento gratuíto no entorno do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e aseguro que, no relativo a esta cuesitón, o problema de fondo está en que a administración local “nunca fixo os seus deberes”

“Ao redor do Hula atopámonos con hectáreas e hectáreas de terreos, que están cheas de toxos e sen valor urbanístico, e o Concello de Lugo non se preocupou por habilitalas como zonas gratuítas de aparcamento”-indicou.

En todo este tempo, desde que en 2011 foi inaugurado o hospital “o único que coñecemos foron, sempre en vésperas electorais, maquetas e proxectos municipais sobre un futuro parking que o Concello non fixo nunca realidade”, e tamén soubemos da “incapacidade da administración local” por facer fronte ao problema dos gorrillas.

“Pero a cuestión é aínda máis grave” se temos en conta que o Concello é propietario de parcelas no entorno do Hospital “que, durante todos estes anos deixou sen ningún uso, e que, a pesar de que xa eran súas, non quixo aproveitar para crear novas prazas para aparcamento, cousa que puido facer desde o minuto un”

Desequilibro nos compromisos

Balseiro tamén puxo de relevo o desequilibro nos compromisos de cada administración e lembrou que mentres a Xunta fixo un investimento millonario “na construción e dotación duns dos mellores hospitais de Europa”, o Concello non se comportou do mesmo xeito. “Nestes sete anos, salvo pola achega dos terreos, o Concello non foi quen de crear en todo o entorno unha soa praza gratuíta”.

Todo isto sen esquecer tamén, que ata o de agora o Concello cobraba da propia Xunta o IBI correspondente, “recursos que non reinvestía na mellora desta zona”.

Igualdade de condicións

Polo que respecta ao parking interior do Hula, Balseiro defende que Lugo está en igualdade de condicións co resto das grandes cidades de Galicia onde os hospitais teñen parking en concesión, nas propias instalacións. “Pero non acontece así co entorno, onde o Concello foi incapaz de garantir espazos de estacionamento de balde”.

Balseiro amósase convencido de que a gratuidade deste parking interior, “non resolvería o problema de fondo, xa que ten unha capacidade limitada”. Asi explica que o Hula dispón de 624 prazas, fronte as 850 camas de hospitalización que hai no centro, ás que hai que sumar ás necesidades de estacionamento das persoas que acoden ás consultas dos especialistas e dos seus familiares.

Contraprestación

“A nós non nos parece mal que existan prazas gratuítas. E seríamos os primeiros en reclamalas se no parking Hula dérase unha discriminación con respecto a outros hospitais galegos. Pero non é o caso. E ademais grazas a esa concesión recibimos unha contraprestación, que permite aforrar recursos e destinalos a outros servizos”

Como noutras cidades galegas o aparcadoiro do Hospital Universitario Lucus Agusti foi adxudicado, mediante un concurso público, e a empresa adxudicataria abona á Xunta un canon anual pola xestión do mesmo.

Ademais en Lugo en virtude do contrato administrativo asinado coa empresa que xestiona o parking, esta asume a limpeza de todo o recinto exterior do Hospital Universitario Lucus Augusti, así como todos os traballos de mantemento e coidado da  xardinería do perímetro hospitalario.  E incluso, a empresa adxudicataria asume tamén as obras de acondicionamento do propio parking, así como de todos os traballos de sinalización dos accesos e a adopción de medidas de seguridade (cámaras de vixilancia)

O Hospital Universitario Lucus Augusti conta finalmente con 751 prazas, totalmente gratuítas, para o seu persoal e que están distribuídas entre un aparcadoiro cuberto e prazas en todo o perímetro interior do recinto hospitalario.

Comportamento coherente

Finalmente Balseiro dixo que o Concello á hora de realizar reivindicacións “debera ser coherente co que demanda aos demais” e, neste punto, preguntouse se administración local ten previsto aplicarse o mesmo criterio de gratuidade que pide á Xunta. “Queremos saber se Lara Méndez vai a poñer prazas de balde nos distintos parkings que o Concello mantén en concesión na cidade, en coherencia co que predican”.