Comprometidos con Lugo

A XUNTA MANTÉN OS PROXECTOS PREVISTOS NO BARRIO DA RESIDENCIA E PIDE AO CONCELLO QUE NON INTENTE CONFUNDIR Á CIDADANÍA

 Video image_gallery

  • Aclara que foi o Goberno central quen instou a realizar máis adiante a retrocesión global do complexo, pero isto en ningún caso pode ser escusa para paralizar o proxecto 

Lugo, 4 de setembro de 2018.- A Xunta de Galicia mantén os proxectos en marcha para o barrio da Residencia en Lugo, e non hai ningún cambio respecto dos futuros servizos que a administración autonómica impulsará nesta zona da cidade.

Así o asegurou esta mañá o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen lamentou que o Goberno local intente confundir á cidadanía e sementar dúbidas sobre o compromiso da Xunta con esta iniciativa.

Balseiro apuntou ademais que a administración estivo traballando intensamente nas distintas actuacións, e que o seguirá facendo nos vindeiros meses. Proba diso son os pasos dados en cada unha das iniciativas.

Así, no Centro Integral de Saúde, o proxecto técnico xa está rematado, solicitouse licencia de obra e o seguinte paso será licitar as obras.  Pola súa banda, na nova Oficina de Emprego, tamén o proxecto está finalizado, e a Xunta vai solicitar a licencia nas vindeiras semanas. Ademais, a Xunta xa traballa no expediente para iniciar as obras de derrubamento.

En todo caso, o delegado aclara que foi a instancias do Goberno central, propietario do inmoble, polo que no mes de maio a Xunta acordou deixar sen efecto a retrocesión das instalacións, posto que desde a administración central vían conveniente realizar máis adiante unha retrocesión global do complexo.

“O Goberno local o que ten que facer é colaborar coa Xunta e non entorpecer o proxecto”-sinalou o delgado, quen apuntou que un xeito de facelo é, por exemplo, instando ao Goberno central a manter o proxecto da nova Comisaría, que xa estaba encamiñado co anterior Goberno central.