Hospital público da Mariña lucense

O SERGAS ADXUDICA A SUBMINISTRACIÓN DE MOBILIARIO PARA AS NOVAS PLANTAS DE HOSPITALIZACIÓN DO HOSPITAL DA MARIÑA

XO11C3F3_21122

  • O organismo autonómico vén de adquirir, por máis de 140.000 euros, camas de hospitalización, mesillas e sillóns de acompañante para as novas habitacións da zona ampliada do hospital
  • As obras permitirán duplicar o espazo destinado a hospitalización, que pasa dos 2.800 metros cadrados actuais a 4.500
  • As obras de ampliación do Hospital da Mariña están a piques de rematar, e serán entregadas nas vindeiras semanas
  • O Sergas tamén sacou a concurso por máis de 700.000 euros a renovación total dos equipos de oftalmoloxía, cuxo servizo tamén irá na zona nova

 

Lugo, 16 de outubro de 2018.-  O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe  unha resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde pola que se fai pública a formalización do contrato para a subministración do mobiliario necesario para as novas plantas de hospitalización do Hospital Público da Mariña.

O orzamento de adxudicación supera os 140.000 euros, cos que o Sergas adquiriu mobiliario de hospitalización para as novas habitacións da zona ampliada que se está a construir. En concreto, por medio deste concurso, adquiríronse novas camas de hospitalización, sillóns de acompañante/paciente e mesillas para a posta en funcionamento das novas unidades de hospitalización.

Nestes momentos, as obras de ampliación do Hospital Público da Mariña, atópanse a  piques de rematar, e está previsto que sexan entregadas ao Sergas pola empresa construtura nas vindeiras semanas. A previsión do Sergas é poñer en funcionamento canto antes a nova área, para a que xa está a adquirir o equipamento necesario para as novas áreas e servizos.

De feito, xunto a este concurso de adquisición de mobiliario que se vén de formalizar, a semana pasada o Sergas tamén licitou a compra, por máis de 720.000 euros, de todo o equipamento tecnolóxico para renovar por completo o Servizo de Oftalmoloxía do Hospital da Mariña, que tamén irá emprazado no novo edificio do Hospital da Mariña.  Este investimento permitirá modernizar e renovar de forma integral o Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Público da Mariña, co obxectivo de mellorar a cobertura sanitaria á poboación da súa área de referencia, dotando a este centro hospitalario da tecnoloxía máis avanzada para a atención ofltalmolóxica dos pacientes da súa área.

A primeira fase das obras de ampliación do Hospital Público da Mariña conta cun investimento de máis de 12 millóns de euros. Trátase dunha actuación fundamental para a sanidade pública desta comarca, pois permitirá modernizar esta infraestrutura hospitalaria e ampliar nun terzo as dimensións do actual edificio.

As obras suporán incrementar con 6.000 metros cadrados máis a actual superficie do Hospital da Mariña (que conta con 17.600 metros cadrados construidos), o que supón un 30% máis de incremento da súa superficie. Para iso levantouse un novo pavillón, en forma de “L”, con catro plantas na zona máis longa e dúas na parte máis curta, cuxas obras están practicamente finalizadas.

Os traballos de ampliación do Hospital da Mariña realizáronse de forma compatible co funcionamento do centro e garanten a integración estética da nova construción co inmoble xa existente.

Hospitalización

A nova área de hospitalización do Hospital da Mariña, á que se destina o mobiliario que se vén de adquirir, duplicará o seu espazo unha vez rematada a ampliación, pasando dos case 2.800 metros cadrados actuais aos máis de 4.500 con que contará proximamente.

A ampliación do Hospital da Mariña inclúe, non só a creación dunha nova área de hospitalización con 24 novas habitacións, senón tamén a remodelación e modernización das outras trinta habitacións actuais.  Isto mellorará de forma substancial a confortabilidade dos pacientes, as circulacións e o traballo dos profesionais.

Tamén se actuará noutras áreas do hospital, pois na área de consultas construirase unha nova zona ambulatoria, que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro. Pola súa banda, na área ambulatoria, estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía. Ademais, crearanse novos postos de hospital de día e fortalécense os coidados intermedios.

As obras de ampliación do Hospital Público da Mariña dotarán a esta comarca dun hospital máis grande (cun 30% máis de superficie que o actual), con máis servizos, máis accesible e confortable, adaptado ás necesidades dos pacientes e profesionais.