Balance emprego 2018

A XUNTA LICITA EN 800.000 EUROS A TERCEIRA FASE DAS OBRAS PARA COMPLETAR O SISTEMA DE ABASTECEMENTO DE AUGA DE COSPEITO

  • O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Armando Castosa, presentou o proxecto, que permitirá estender o servizo a Santa María de Cospeito, Xermar e Roás completando a rede principal no conxunto do territorio
  • Esta actuación dá continuidade ás dúas fases executadas anteriormente que supoñen un investimento conxunto da Xunta que ronda os 3 millóns de euros

Lugo, 2 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publicou a licitación das obras da terceira fase de infraestruturas básicas hidráulicas do concello de Cospeito, para as que reserva un orzamento de 800.000 euros. Con esta actuación complétase a rede principal de abastecemento en todo o municipio.

As empresas interesas en optar a este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o 30 de xaneiro. As obras contarán cun prazo de execución de once meses, unha vez asinado o contrato.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na presentación do proxecto xunto con técnicos de Augas de Galicia e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

A actuación consistirá na construción das canalizacións precisas para estender a subministración a Santa María de Cospeito, Xermar e Roás, que actualmente carecen dela.

O núcleo de Santa María de Cospeito conectarase co sistema da ETAP  de Rábada mediante unha tubaxe que pasará tamén polo núcleo da Fonte. A mesma tubaxe continuará ata o núcleo de Xermar, ao que tamén dará servizo. Executarase unha segunda condución xeral conectada co sistema da ETAP das Paincegas, que é a que abastecerá ao núcleo de Roás. Así mesmo, prevese a execución de ramais secundarios das principais conducións proxectadas, que darán servizo a Xermar norte e sur, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte.

Melloras no sistema de cloración e telecontrol

Esta terceira fase do proxecto inclúe a construción de infraestruturas auxiliares para garantir un sistema axeitado de tratamento de cloración en todo o trazado da rede. Con ese fin, instalarase unha caseta sobre a rede existente, na zona de Momán, con bombas dosificadoras. A subministración eléctrica farase mediante un kit solar.

Para controlar o subministro, colocaranse caudalímetros electromagnéticos á saída dos depósitos de Arneiro, Feira do Monte e Muimenta. Así mesmo, instalaranse sistemas de telexestión ou telecontrol, necesarios para o control de posibles fallos nos equipos ou para obter rexistros e históricos dos caudais tratados. Está prevista a colocación de cadros de control para centralizar a información en varios puntos da rede.

Investimento global de preto de 3 millóns de euros

O delegado territorial lembrou que esta actuación dá continuidade ás dúas fases executadas anteriormente para dotar ao concello das necesarias infraestruturas de abastecemento público de auga, que supoñen un investimento conxunto da Xunta que ronda os 2,9 millóns de euros.

Segundo salientou Balseiro, o esforzo inversor realizado polo Goberno galego repercutirá na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas da zona e beneficiará ademais a numerosas explotacións gandeiras do concello, cuxas necesidades de consumo de auga son moi elevadas.