Prevención de riscos

A XUNTA AGARDA DESDE O PASADO MES DE MARZO POLA RESPOSTA DO CONCELLO Á PROPOSTA DE CONFINANCIACIÓN DAS OBRAS NECESARIAS PARA REDUCIR O IMPACTO DAS RIADAS NO BARRIO DA XUNQUEIRA

60553192_2255694324526175_8594733522168578048_n

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, advirte que “se a alcaldesa non actúa sería responsable do que pase nese barrio a próxima vez que teña lugar un episodio similar de choivas torrenciais”

 ACCESO Á CARTA REMITIDA AO CONCELLO: 190423_oficio concello Viveiro (2)

Lugo, 16 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade agarda desde mediados do mes de marzo a que o Concello de Viveiro responda á proposta que lle trasladaron desde Augas de Galicia para cofinanciar as obras necesarias que farían posible reducir o impacto de futuras riadas no barrio da Xunqueira.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, pide ao Goberno local “que se tome en serio este asunto” e advirte que “se a alcaldesa non actúa sería responsable do que pase nese barrio a próxima vez que teña lugar un episodio similar, con choivas torrenciais.

A administración autonómica comprometeuse a elaborar -e xa trasladou ao Concello hai dous meses- un exhaustivo e minucioso estudo técnico coa modelización hidráulica da zona e no que se propoñen distintas obras que minimizarían os datos en casos de futuros asolagamentos.

“Non nos parece serio que a alcaldesa leve todo este tempo calada, negando a resposta oficial, e que tampouco se pronuncie a Deputación de Lugo, quen debera participar na financiación destas obras” lembrou Balseiro

O delegado tamén censura que se “aproveite un acto electoral do PSOE para dicir que non está de acordo con estas obras, sen ofrecer alternativa algunha e desprezando a opinión dos técnicos que alertan que na situación actual poderían dar lugar novas riadas e novos danos no barrio da Xunqueira”

Balseiro empraza a ambas administracións a “actuar con máis responsabilidade” neste asunto e a poñer sobre a mesa unha resposta oficial canto antes para así poder estudala e determinar cales das obras preventivas propostas polos técnicos poden levarse adiante, así como o financiamento que cada administración está disposta a achegar para executalas.

Para concluír o delegado lembra que o Concello tamén ten pendente de presentar o plan de emerxencias por inundación pese a que é obrigatorio e foi requirido fai preto dun ano (en maio de 2018), antes incluso de que tivera lugar o asolagamento