Socorrismo

A XUNTA ACLARA QUE OS CURSOS PARA FORMAR SOCORRISTAS TEÑEN CUSTO CERO SE OS SOLICITAN OS CONCELLOS

020118 Curso socorrismo Xove.jpg

  • Acceder a esta formación, financiada ao cen por cen pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, contribuiría a paliar o déficit de traballadores que se produce cada verán, de xeito especial nos municipios do litoral
  • Na provincia de Lugo nos últimos anos só o Concello de Xove e Cruz Vermella fixeron uso desta fórmula que a Xunta ofrece para impartir cursos habilitan para exercer a actividade de socorrismo en praias e piscinas

Lugo, 12 de xuño de 2019.- A Delegación territorial da Xunta en Lugo aclarou que os cursos para obter o certificado de profesionalidade e exercer a actividade de socorrismo teñen custo cero para os participantes, ao estar financiados ao cen por cen pola administración autonómica, cando os solicitan desde os concellos, con cargo ao programa de accións formativas dirixidas preferentemente a persoas desempregadas (cursos AFD)

A Xunta considera que esta pode ser unha fórmula ideal para acceder a formación que habilita, segundo a normativa en vigor, a realizar esta actividade de socorrismo en praias e piscinas e, de aproveitarse polos concellos, tamén a corrixir o déficit que, cada verán, se atopan no litoral para conseguir profesionais que posúan esta titulación.

Só unha solicitude: o Concello de Xove

No caso da Mariña lucense, esta é a fórmula que vén empregando durante os últimos anos o concello de Xove, que solicita e organiza co apoio e financiamento da Xunta este curso de formación. Curiosamente e aínda que son moitos os concellos que teñen dificultades para contratar socorristas, Xove é o único municipio que este ano, co prazo de solicitude xa rematado, pediu este curso, como veu facendo os últimos anos.

Na provincia de Lugo hai outras entidades como a Cruz Vermella, que noutros anos tamén fixeron uso desta oportunidade que supón organizar, co apoio e financiamento da Xunta, cursos de socorrismo. Esta actividade, sen custe para participantes e concellos, dá dereito a obter o correspondente certificado de profesionalidade.

Desde a Delegación lembran que xa o ano pasado, informaron aos alcaldes desta fórmula de acceso a cursos formativos financiados pola Xunta, incluído ao alcalde de Ribadeo. Con todo este Concello non solicitou este curso pese as evidentes vantaxes que incorpora, incluído dispoñer dunha bolsa de titulados a incorporar no programa de socorrismo que se contrata cada verán.