Residencias

A XUNTA DISTRIBÚE MATERIAL DE PROTECCIÓN E DESINFECCIÓN A MÁIS DUN CENTENAR DE RESIDENCIAS DA PROVINCIA DE LUGO PARA REFORZAR A PREVENCIÓN E LOITA CONTRA O CORONAVIRUS

 

  • O delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estamos a falar dunha achega de máis de 123.00 unidades de protección entre centros públicos e privados
  • O reparto inclúe mascarillas, luvas, xeles desinfectantes e roupa e accesorios de seguridade para o persoal encargado da atención dun colectivo especialmente vulnerable, isto é, persoas maiores e con discapacidade

Lugo, 6 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia, a través dunha acción coordinada entre as consellerías de Política Social e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está a distribuír material de protección e desinfección entre 115 residencias e centros asistenciais da provincia de Lugo, para reforzar os medios dispoñibles dirixidos á prevención de contaxios e loita contra o coronavirus.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego tomou esta iniciativa esta iniciativa tras constatar que moitas entidades tiñan problemas de subministro e para garantir a mellor protección dun persoal que presta un servizo esencial de atención e coidado a colectivos especialmente vulnerables ante posibles contaxios, en particular, persoas maiores ou con capacidades especiais.

Material que reciben directamente nos centros

Para o reparto a Xunta de Galicia emprega a nova plataforma loxística posta en marcha pola Xunta e, polo tanto, permite que as achegas se reciban directamente nos centros e residencias, sen necesidade de desprazamento.

Balseiro explica que a distribución iniciouse o pasado venres e está previsto que se complete entre o día de hoxe e mañá. “Estamos a falar de máis de 123.000 unidades de protección”. En particular a distribución foi a seguinte:

Mascaras cirúrxicas 70.200
Máscaras tipo FFPP2 1.300
Luvas (diversos tamaños) 43.800
Xeles desinfectantes 868
Batas 1.113
Mandís 1.113
Pantallas oculares 375
Gorros 3.300
Calzas 1.100

Todas as residencias públicas e privada da provincia

Neste reparto, están incluídas todas as residencias de titularidade pública e privada da provincia de Lugo, que constan no rexistro autonómico, incluídas as de propiedade municipal ou da Deputación e, por suposto, as dependentes da Consellería de Política Social. Tamén está previsto incluír en futuros repartos, a residencia asilo de Ribadeo, que está formalizando o seu rexistro.

Balseiro avanza que a distribución deste material servirá para cubrir as necesidades previstas para os vindeiros días e a intención do Goberno galego é efectuar novos repartos de material de protección, de xeito periódico, no futuro. Estas achegas poderían intensificarse cos recursos que poidan vir do Goberno central que, polo momento, son insuficientes para garantir as demandas existentes o que obrigou á Xunta a facer uso de recursos propios.

 DT LUGO_Centros Sociais PRENSA