BALSEIRO INICIA UNHA RONDA DE CONTACTOS COS AXENTES DO TECIDO ECONÓMICO E SOCIAL DA PROVINCIA PARA ESTABLECER UNHA LIÑA DE DIÁLOGO PERMANENTE QUE FAVOREZA A SÚA REACTIVACIÓN

74a29f99-cfba-433e-aa72-b50836c37ae4

  • O delegado territorial da Xunta en Lugo quere seguir pulsando de primeira man as necesidades dos sectores produtivos e ofrecerlles resposta de xeito áxil e eficiente desde a acción do Goberno galego
  • Este luns está prevista a videoconferencia con dirixentes da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) e da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje Lugo)

 Lugo, 18 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inicia unha ronda de contactos cos axentes do tecido económico e social da provincia co obxecto de avaliar medidas para favorecer a súa reactivación. A iniciativa busca tamén seguir pulsando de primeira man as necesidades dos sectores produtivos e ofrecerlles resposta de xeito áxil e eficiente desde a acción do Goberno galego.

O Goberno galego ten en marcha, a todos os niveis, un diálogo permanente cos colectivos do ámbito empresarial, social e económico da comunidade, para definir medidas que mitiguen o impacto da covid-19 nos distintos sectores e faciliten unha transición coordinada tras o final da pandemia.

Ata o momento a Xunta ten centrado os seus esforzos desde o punto de vista do apoio económico nun dobre escenario de accións: a corto prazo, inxectando liquidez inmediata a pemes e autónomos; e a medio prazo, executando plans que permitan a reactivación inmediata da economía.

A este respecto, a Xunta ten activada unha liña de financiamento que mobilizará 250 millóns de euros ao tecido empresarial en préstamos para pemes e autónomos de ata 200.000 euros sen xuros –bonificados pola Xunta–para cubrir gastos esenciais, como facturas, salarios ou alugueres, ou a suspensión de prazos para a presentación de impostos ata o 30 de xuño.

A Xunta tamén defende a importancia de garantir a seguridade e a saúde dos traballadores e das actividades asistenciais dos colectivos sociais da provincia, dotándolles de material de protección e deseñando liñas específicas de apoio –de carácter extraordinario- para o seu funcionamento que se presentarán nas vindeiras semanas.

A intención do delegado a Xunta é reforzar as vías de diálogo especialmente cos sectores estratéxicos da economía da provincia: o turístico, o forestal, o sector agrogandeiro e de produción alimentaria vinculada ao rural, o mundo da pequena e mediana empresa e do comercio, a construción e por suposto o da cadea de comercialización mar e industria, entre outros.

Os primeiros encontros, que se de maneira telemática, serán coa Asociación Provincial De Empresarios de Hostalería e Turismo en Lugo (Apehl) e coa Asociación de Jóvenes Empresarios da provincia (AJE Lugo), previstos para o luns e martes desta semana.