Apoio ao tecido empresarial

A XUNTA TRASLADA ÁS EMPRESAS DE DISTRIBUCIÓN DE ALIMENTOS E BEBIDAS DA PROVINCIA DE LUGO AS MEDIDAS PARA FAVORECER A SÚA RECUPERACIÓN

210420 Reunion distribuidores hostalaria 1

Lugo, 21 de abril de 2020.-O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro a través de videoconferencia cun grupo de empresas de distribución de alimentos e bebidas da provincia de Lugo, na que avaliaron distintas medidas dirixidas a favorecer a súa recuperación, tras o impacto provocado pola pandemia e a activación do estado de alarma.

Balseiro comprometeuse a dar traslado da realidade destas empresas, para avaliar posibles solucións, aínda que lembrou estas circunstancias derivan do Decreto estatal que aproba o estado de alarma e das medidas complementarias incluídas no mesmo, polo que a capacidade de decisión está condicionada polo Goberno central.

Axilización de ERTES

Polo que respecta ás competencia directas da Xunta, o delegado puxo á disposición destas empresas os recursos de asesoramento creados para o seu apoio e que inclúen desde a axilización da tramitación dos expedientes temporais de regulación de emprego (ERTEs) á resolución de calquera dúbida que poida xurdir sobre estes procedementos que, na situación actual teñen gran importancia para a continuidade futura destas empresas.

Neste senso explicou que, polo que respecta á provincia de Lugo dos 149 ERTEs por forza maior presentados por este tipo de empresas todos menos catro resolvéronse favorablemente, e no caso concreto destes últimos a resolución negativa foi porque existía un informe desfavorable dos servizos de inspección do Ministerio de Traballo. En todo caso sempre está aberta a vía do recurso ou a tramitación dos ERTEs polo procedemento ordinario por causas económicas.

Apoio á financiación

E de cara ás posibles necesidades que poidan xurdir no futuro, en particular facilitar a liquidez destas empresas, o delegado explicou que a Xunta ten en marcha liñas de financiación en condicións moi favorables a través do Igape.

A Xunta avala préstamos de entre 3.000 e 200.000 euros, co tipo de interese subvencionado ao 100%, e cun prazo de amortización de ata 4 anos e un ano de carencia. Esta nova liña permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial e superar as situación puntuais de falta de liquidez que poidan darse.