O delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia, no que tamén participou persoal técnico das consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

 A XUNTA TRASLADA ÁS PRINCIPAIS ASOCIACIÓNS DE COMERCIANTES E AUTÓNOMAS NA CIDADE DE LUGO AS MEDIDAS DE APOIO DIRIXIDAS AO SECTOR

240420 Comercio Lugo I

  • Explicáronse as liñas de apoio para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes e tamén as características básicas do novo programa polo que a Xunta adianta parte da nómina dos traballadores afectados por Ertes xa aprobados

Lugo, 23 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes das principais asociacións do comercio da cidade de Lugo, nas que avaliaron as liñas de apoio dirixidas ao sector empresarial, en particular, autónomos e pemes.

No encontro, estiveron presentes dirixentes da Federación galega e lucense de comercio, de Mulleres Empresarias, Autónomas de Lugo, Lugo Centrum e Lugo Monumental. Tamén participaron os xefes territoriais das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo e de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, ademais de persoal técnico do Igape.

Balseiro apuntou que todas e cada unha das medidas económicas adoptadas pola Xunta para facer fronte aos efectos do coronavirus parten do diálogo e o consenso, porque á Administración autonómica interésalle  coñecer de preto as inquedanzas e as necesidades que esta situación lles supón a empresas, autónomos e traballadores, e darlles unha resposta o máis áxil e inmediata posible.

O Goberno galego ten en marcha iniciativas dirixidas a apoiar a reactivación e recuperación das empresas afectadas polo impacto económico e social da crise sanitaria. En particular, interesáronse polas medidas dirixidas a facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes e polo novo programa polo que a Xunta adianta parte da nómina dos traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego xa aprobados.

Polo que respecta ás liñas de apoio en marcha, a Xunta, a través do Igape mantén aberta a liña de financiamento que permite acceder a préstamos de entre 3.000 e 200.000 euros, para cubrir os seus gastos correntes, facturas, pago de salarios ou de alugueiros, entre outros, e que supón a mobilización de 250 millóns de euros en todo o tecido empresarial galego. A Xunta bonificará o 100% dos tipos de interese.

Por outra banda, a Administración autonómica tamén aprobou o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia –a través do Igape e XesGalicia– e aprazou o pago de distintos impostos de xestión autonómica como é o caso de actos xurídicos documentados.

Finalmente, avaliaron a iniciativa que servirá para adiantar parte da nómina aos traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) xa aprobados pero que aínda están á espera de que o Goberno lles pague as súas prestacións.

A Xunta avalará o adianto de 1500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros, ata o momento en que se produza o pago da prestación estatal pendente. Neste mesmo sentido Balseiro lembrou que Galicia está tramitando en prazo e xa se resolveron 9 de cada 10 expedientes presentados, polo que entende que o Goberno debe flexibilizar o máximo posible o pago de ditas prestacións.