Comercio

BALSEIRO INFORMA AO SECTOR DO COMERCIO DA MARIÑA DAS PRINCIPAIS MEDIDAS DE APOIO ARTELLADAS POLA XUNTA

240420 Comercio Marina I

  • O delegado territorial de Lugo, xunto con persoal técnico do Igape, mantivo unha xuntanza coas distintas asociacións mariñáns que agrupan ao sector para coñecer as súas inquedanzas e explicarlles as distintas liñas de axuda
  • Destacaron as iniciativas para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes e o novo programa polo que a Xunta adianta parte da nómina dos traballadores afectados por Ertes xa aprobados

Lugo, 24 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse hoxe por videoconferencia coas distintas asociacións que agrupan ao comercio da Mariña para trasladarlles as principais medidas de apoio que está a artellar o Goberno galego para axudar ao sector a afrontar as consecuencias económicas derivadas da actual crise sanitaria.

Na xuntanza estiveron presentes representantes da Federación de Comercio da Mariña, CCU de Viveiro, CCA Ribadeo-ACISA, CCA Burela e ACIA de Foz. Tamén participou a xefa territorial en Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, e persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Balseiro destacou a liña de apoios para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes. A Xunta, a través do Igape, permite acceder a préstamos de entre 3.000 e 200.000 euros para cubrir os seus gastos correntes, facturas, pago de salarios ou de alugueiros, entre outros. A Xunta bonificará o 100% dos tipos de interese.

Por outra banda, a Administración autonómica tamén aprobou o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta –a través do Igape e XesGalicia– e aprazou o pago de distintos impostos de xestión autonómica, como é o caso de actos xurídicos documentados.

Tamén se avaliou a medida que servirá para adiantar parte da nómina aos traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) xa aprobados por parte da Administración autonómica pero que agora están á espera de que o Goberno lles pague as súas prestacións. A Xunta avalará o adianto de 1500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros, ata o momento en que se produza o pago da prestación estatal pendente.

Balseiro salientou que as medidas económicas que está a arbitrar o Goberno galego para tratar de facer fronte aos efectos da crise sanitaria parten do diálogo e do consenso e teñen como obxectivo máis inmediato dar liquidez ás empresas e ás familias, pensando ao mesmo tempo no futuro.