Construción

A XUNTA IMPULSA A REACTIVACIÓN DA OBRA PÚBLICA E INXECTA LIQUIDEZ EN APOIO DO SECTOR DA CONSTRUCIÓN PARA MODERAR O IMPACTO DA CRISE DO CORONAVIRUS

240420 Apec I

  • O delegado territorial mantivo hoxe unha videoconferencia con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (Apec)
  • O Goberno galego colaborou con esta entidade a través da compra centralizada de 30.000 mascaras para garantir a seguridade dos traballadores deste sector

 

Lugo, 24 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (Apec) no que puxo de relevo que as medidas activadas pola Xunta buscan moderar o impacto da crise do coronavirus no sector e contribuír a que a recuperación do  tecido empresarial sexa o máis rápida posible unha vez se supere a Covid-19.

Neste sentido, Balseiro explicou que a Xunta traballa moi especialmente en tres frontes: a reactivación da obra pública e das axudas de rehabilitación; a inxección de liquidez ás empresas e autónomos a través da liña de préstamos bonificados e a colaboración loxística para a compra de mascarillas dirixidas a reforzar a seguridade dos traballadores deste sector.

20M€ en obras públicas na provincia

Polo que respecta á primeira das medidas, o delegado explicou que a Xunta, retomou obras públicas que supoñen un investimento conxunto que supera o 20 millóns de euros no conxunto da provincia e comprométese a axilizar o pagamento das certificacións de obras xa presentadas. Ademais estuda a recuperación das liñas de axudas para rehabilitación de vivendas.

No ámbito económico o Igape, puxo en marcha unha nova liña para inxectar liquidez a autónomos e pemes coa que se busca mobilizar 250 millóns de euros. A administración autonómica asume o pago da totalidade dos xuros destas operacións, que poden ser de entre 3000 e 200.000 euros e que contan cun prazo de amortización de ata 4 anos, cun ano de carencia.

Así mesmo, o encontro serviu para reiterar a necesidade de ter a máxima sensibilidade coas familias afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e nese senso, explicáronse as medidas postas en marcha pola Xunta para axilizar a tramitación destes expedientes e para anticipar o pago das prestacións por desemprego á espera de que o Goberno central as faga efectivas.

Finalmente a Xunta colaborou coa Apec encargándose da subministración de 30.000 máscaras, entregadas ao mesmo prezo ao que as adquire a administración autonómica. O Goberno galego creou un sistema centralizado de compra e distribución tras constatar o desabastecemento do mercado e a dificultade das empresas para facerse con estes medios de protección.

“Desde a Xunta sempre se defendeu que á volta á actividade do sector da construción e da obra pública debía facerse en condicións de máxima seguridade para os traballadores. E seguimos comprometidos nese obxectivo”-explicou Balseiro.