Viños da Ribeira Sacra

O delegado da Xunta mantivo unha videoconferencia cos representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe “Viños da Ribeira Sacra”

BALSEIRO LEMBRA QUE OS VITICULTORES PROFESIONAIS E OS SEUS TRABALLADORES ESTÁN AUTORIZADOS A EFECTUAR OS DESPRAZAMENTOS PARA O MANTEMENTO DOS SEUS VIÑEDOS

270420 CRegulador Ribeira Sacra

  • A Xunta acordou flexibilizar tamén os requisitos para as persoas que teñan viñedos con fins non comerciais, que poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual.
  • No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa

Monforte (Lugo), 27 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe Viños de Ribeira Sacra, un encontro enmarcado na rolda de contactos iniciada desde a administración autonómica cos representantes do sector asociativo e social da provincia.

 A xuntanza tiña unha dobre finalidade: por unha banda, escoitar as distintas demandas e resolver as dúbidas que formularon desde a dirección técnica deste organismo e, pola outra, trasladar as distintas liñas de apoio que o Goberno galego ten en marcha dirixidas a superar o impacto sobre o sector da crise do coronavirus.

Atención a viñedos

Unha das dúbidas recorrentes foi en relación co desprazamento dos viticultores para a atención dos viñedos. A normativa vixente establece un sistema diferente en función de si son ou non agricultores profesionais.

Balseiro aclaro que as persoas viticultoras profesionais e os seus traballadores poden efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e dos viñedos. Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse a ese rexistro para efectuar calquera comprobación que estimen oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Polo que respecta aos viticultores non profesionais, na reunión deste sábado do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou flexibilizar os requisitos vixentes ata o momento. Así, as persoas que teñan viñedos con fins non comerciais, e polo tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual.

No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa. En ambos casos, deberán aportar unha declaración responsable. Desta forma, elimínase a anterior limitación, que era de 500 metros. Así, a consellería do Medio Rural aprobará unha modificación da orde para regular este aspecto.

Ademais o Comité aprobou permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas. Para a tramitación das solicitudes e a obtención da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima.

Préstamos incentivados e anticipios dos ERTEs

No ámbito económico Balseiro lembrou que continúa aberto o prazo para que empresas e o colectivo de autónomos –incluídas as bodegas, cooperativas, industrias transformadoras, viticultores etc- soliciten os novos préstamos incentivados destinados a a inxectar liquidez, para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria na súa actividade empresarial.

Esta liña de apoios permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles

Por outra banda, o delegado avanzou que a Xunta vén de activar hoxe mesmo o prazo de solicitude da nova liña de apoios para que os traballadores acollidos a un expediente de regulación temporal de emprego (Erte), xa autorizado, e que aínda non cobraran as prestacións por desemprego do Goberno central, poidan recibir de forma inmediata un anticipo de 1.500 euros, cun tope mensual de 750.

Balseiro explicou que, polo momento, xa contan coa adhesión de tres entidades bancarias a esta iniciativa: Abanca, Caixa Rural e o Banco Sabadell. Con todo, a solicitude deste anticipo é moi sinxela, e debe realizarse a través da propia empresa acollida ao Erte. Pode obterse máis información, sobre este procedemento, no teléfono gratuíto 900 815 600 e na web específica habilitada no portal de Emprego Galicia.