Empresarios Vilalba

BALSEIRO INFORMA AO SECTOR EMPRESARIAL DE VILALBA DAS MEDIDAS DA XUNTA PARA INXECTAR LIQUIDEZ A AUTÓNOMOS E PEMES

300420 Empresas Vilalba II

  • O delegado territorial de Lugo mantivo unha xuntanza por videoconferencia con representantes do sector do comercio e da hostalería da localidade

Lugo, 30 de abril de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza por videoconferencia con empresarios do comercio e da hostalería de Vilalba na que lles trasladou as medidas que activou a Administración autonómica para axudar aos sectores produtivos galegos a afrontar as consecuencias económicas da crise sanitaria.

Na reunión tamén participou a xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández; a de Cultura e Turismo, María José Gómez, e persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Balseiro trasladoulles tamén o compromiso da Xunta co comercio de proximidade e, nese sentido, destacou que o Goberno galego está a traballar da man do sector para poñer en marcha un plan de reactivación económica neste ámbito, co obxectivo primordial de incentivar que o consumidor acuda ao comercio de proximidade, con medidas que infundan confianza e impulsen de novo a demanda.

O delegado lembrou ademais que a Xunta ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha, como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.

Inxección de liquidez e anticipos das prestación por Erte

No encontro explicáronse diferentes accións que está a impulsar a Xunta para permitir que o tecido empresarial galego conte cos fondos necesarios para facer fronte ao seu día a día, como a liña de apoios para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes. Esta liña contempla préstamos desde 3.000 ata 200.000 euros para cubrir os gastos correntes e as obrigas fiscais, facéndose a Administración autonómica cargo dos xuros ao cen por cen.

O delegado tamén explicou que a Xunta vén de activar o prazo de solicitude da nova liña de apoios para que os traballadores acollidos a un expediente de regulación temporal de emprego (Erte), xa autorizado, e que aínda non cobraran as prestacións por desemprego do Goberno central, poidan recibir de forma inmediata un anticipo de 1.500 euros, cun tope mensual de 750.

Balseiro explicou que, polo momento, xa contan coa adhesión de tres entidades bancarias a esta iniciativa: Abanca, Caixa Rural e o Banco Sabadell. Con todo, a solicitude deste anticipo é moi sinxela, e debe realizarse a través da propia empresa acollida ao Erte. Pode obterse máis información, sobre este procedemento, no teléfono gratuíto 900 815 600 e na web específica habilitada no portal de Emprego Galicia.