Porto de Celeiro

BALSEIRO AVALÍA CON RESPONSABLES DE PORTO DE CELEIRO E DA OPP-77 AS MEDIDAS DE APOIO PROMOVIDAS POLA XUNTA PARA MINIMIZAR O IMPACTO DA CRISE DO CORONAVIRUS NO SECTOR PESQUEIRO

040520 Celeiro

  • A Xunta realiza un seguimento periódico dos oito tripulantes do buque Notre Dame que deron positivo nos test PCR por covid-19: o patrón está hospitalizado en Burela o resto, asintomáticos, gardan corentena nos seus domicilios
  • Portos de Galicia mantén adiada a emisión de taxas ata dous meses despois de que finalice o estado de alarma e dispón de liñas específicas para garantir a liquidez, favorecer a viabilidade ou financiar o tráfico comercial do sector mar-industria

Celeiro (Lugo), 4 de maio de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia con responsables da sociedade de armadores Porto de Celeiro e da Organización de Produtores Pesqueiros desta localidade (OPP-77) para avaliar e intensificar a colaboración con estas entidades e minimizar así o impacto que nun sector estratéxico, como é o pesqueiro, ten a crise do coronavirus.

Situación sanitaria e medios de protección

Un dos principais asuntos tratados foi a situación dos 15 tripulantes do barco Notre Dame. O mesmo sábado no que atracou en porto realizáronse os test PCR aos seus tripulantes que deron como resultado oito positivos. Entre eles está o patrón, que foi hospitalizado en Burela, mentres que o resto, sen síntomas, están nos seus domicilios ou, nun caso concreto, nun hotel. A Xunta realiza o seguimento periódico da súa situación a través do sistema TELEA. Os negativos tamén permanecen confinados nos seus domicilios en corentena.

O delegado volveu a urxir a importancia de que o Goberno central estableza un protocolo único para a atención deste tipo de situacións e nesa liña lembrou que xa se teñen dirixido desde as consellerías de Sanidade e de Mar ao Ministerio, interesándose por esta cuestión. Ese protocolo debería definir claramente as funcións de cada administración implicada na xestión destes casos co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia e eficacia tanto no uso dos medios dispoñibles como na atención ás tripulacións

Tamén no ámbito sanitario cómpre lembrar que a Xunta de Galicia distribuíu 3.350 mascarillas, nos portos da Mariña lucense, para garantir que os traballadores do mar desenvolvan a súa actividade dun xeito máis seguro e protexido. No caso do porto de Celeiro son xa 1.500 as mascarillas entregadas.

O primeiro dos envíos estivo destinado ás lonxas o, segundo, tivo como destinatarios os tripulantes e o persoal que continúa operativo realizando labores embarcados ou nas instalacións portuarias, para  garantir o subministro de peixe aos consumidores.

Medidas de apoio económicas

No ámbito económico, o delegado tamén explicou que Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, acordou adiar o pago de novas taxas ata dous meses despois de que finalice o estado de alarma. Con esta medida preténdese rebaixar posibles tensións de tesourería ás entidades e empresas usuarias dos portos e contribuír a que poidan manter a súa actividade unha vez superada esta situación excepcional pola alerta sanitaria.

De xeito complementario tamén está en marcha un paquete de medidas de flexibilización do pago das taxas portuarias xa devengadas, polo que os contribuíntes poderán beneficiarse dos adiamentos e fraccionamentos previstos, tanto na lei xeral tributaria coma nos regulamentos de recadación en vigor na comunidade.

Outra das cuestións tratadas foron as liñas de apoio postas en marcha pola Xunta de Galicia para inxectar liquidez. Son préstamos con tipos de xuro subvencionados ao cen por cen de ata os 200.000 euros. Se as operacións son superiores a esta cantidade, a Xunta tamén ten apoios específicos para o sector marítimo pesqueiro con préstamos de ata un millón de euros, para liquidez e investimentos, ou de ata 600.000 euros para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

Dragaxe de Viveiro

E, finalmente, sobre as obras en marcha, continúa a execución do dragado das instalacións portuarias de Viveiro e Celeiro no que a Xunta inviste un millón de euros. A actuación prevé a recuperación de calado na canle de acceso e nos peiraos pesqueiro e deportivo. Tras os traballos executados a semana pasada pola draga de 75 metros de eslora, está prevista a chegada inminente dunha nova embarcación, adaptada ás características propias dos traballos pendentes, que continuará coa retirada de area.