Educación

BALSEIRO SUBLIÑA O ESFORZO DE ADAPTACIÓN QUE FIXO O PROFESORADO PARA SEGUIR ATENDENDO A TODO O ALUMNADO NESTA SITUACIÓN EXCEPCIONAL

050520 Monseivane 

  • O delegado territorial da Xunta mantivo unha videoconferencia con Irene Díaz, directora do CEIP Monseivane de Vilalba, que distribuíu persoalmente material entre os escolares do centro

Lugo, 5 de maio de 2020.-  O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou hoxe o esforzo de adaptación que fixo o profesorado para continuar atendendo a todos os escolares na situación extraordinaria causada polo coronavirus, que obrigou a suspender as clases presenciais.

Balseiro mantivo unha videconferencia con Irene Díaz, directora do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Monseivane de Moreda, en Vilalba, que durante estas semanas distribuíu persoalmente material entre os escolares do centro para que puideran realizar tarefas nas súas casas.

O delegado aplaudiu esta iniciativa e aproveitou para recoñecer “o labor que en xeral están a realizar todos os docentes, que manteñen un contacto frecuente cos alumnos e aproveitan para propoñer fórmulas de aprendizaxe alternativas e  creativas, aínda que requiran dun esforzo extraordinario pola súa parte”.

Balseiro recoñeceu que esta situación obrigou a unha adaptación de medios e de contidos que cada profesor tivo que deseñar para traballar cos seus alumnos. “A Xunta -afirmou- leva anos impulsando a dixitalización do ensino público en Galicia, e aplicacións como Abalar están a facer máis doada a comunicación entre a comunidade escolar nestes tempos nos que o encontro nas aulas resulta imposible”.

Na mesma liña, o delegado asegurou que “outra das prioridades do Goberno galego nos últimos anos está a ser igualar as condicións de acceso ás novas tecnoloxías mellorando a cobertura de internet en todo o territorio”.

Por último, lembrou que a Xunta de Galicia leva entregados 1.449 ordenadores a familias con menos recursos da provincia de Lugo desde o inicio da crise do coronavirus para que  o alumnado poida seguir a actividade educativa en liña.