Axuda no fogar

A XUNTA ABONA 4,3 MILLÓNS DE EUROS AOS CONCELLOS LUCENSES PARA SUFRAGAR O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO PRIMEIRO TRIMESTRE

Axuda no fogar

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, avanza un incremento do orzamento para os vindeiros meses logo de aumentar nun 65% as horas de prestación asignadas a cada municipio durante a crise sanitaria
  • Insistiu no esforzo extraordinario que están a realizar os 2.400 traballadores que atenden na provincia a máis de 4.000 persoas maiores ou en situación de dependencia

Lugo, 6 de maio de 2020.- A Xunta de Galicia vén de abonar 4,3 millóns de euros aos concellos lucenses para sufragar a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a persoas maiores ou en situación de dependencia correspondente ao primeiro trimestre do ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Política Social financia este servizo en todos os municipios lucenses e  incrementará o investimento nos próximos pagos logo de elevar nun 65% o número de horas de prestación asignadas en cada concello.

Esta decisión significa sumar 113.000 horas adicionais de prestación na provincia, que se manterán en tanto continúe a situación extraordinaria causada pola pandemia do coronavirus para poder chegar a máis persoas que nestas circunstancias puideran necesitar excepcionalmente desta axuda. Neste caso, a Xunta asume a parte do custo que lle correspondía ao usuario, polo que é gratuíto para os beneficiarios. A medida supón un investimento extraordinario de 6 millóns de euros no conxunto da comunidade.

Balseiro incidiu en que o persoal de Axuda no Fogar está a realizar un esforzo extraordinario nestas últimas semanas; “foron piares fundamentais para o benestar dos usuarios e, nalgúns casos, a única compañía que puideron recibir durante o confinamento”, afirmou.

O SAF emprega na provincia de Lugo a 2.400 traballadores que atenden a 4.100 persoas. Dende que comezou o estado de alarma, a Xunta entrega aos concellos material de protección -máscaras, guantes ou xel desinfectante, entre outro- para o seu uso por parte destes profesionais e doutros que, como eles, seguen prestando servizos básicos para os veciños e veciñas.