Acisa Ribadeo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión por videoconferencia con responsables de Acisa Ribadeo

A XUNTA APROBOU O CEN POR CEN DOS ERTES SOLICITADOS POR EMPRESAS DE RIBADEO QUE AFECTARON A 441 TRABALLADORES, O 63% DELES DO SECTOR DA HOSTALERÍA E COMERCIO

070520 Acisa

  • A Xunta distribúe e ten accesible na web do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Isga) material específico con recomendacións preventivas para garantir que a apertura dos comercios e establecementos de restauración cumpre coas máximas condicións hixiénico-sanitarias

Lugo, 7 de maio de 2020.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro mantivo un encontro a través de videoconferencia con integrantes da asociación de comerciantes e hostaleiros de Ribadeo, Acisa, para poñer en común as iniciativas que o Goberno galego ten en marcha en apoio do sector do comercio e da hostalaría, dirixidas a colaborar na súa reactivación.

No transcurso do encontro Balseiro confirmou que, con datos actualizados a día de hoxe en Ribadeo aprobáronse 186 expedientes temporais de regulación de emprego (ERTEs), que afectaron a 441 traballadores, deles o 63% correspóndese cos sectores da hostalería e comercio, onde se aceptaron o 100% das solicitudes.

Comercios, bares e restaurantes seguros

Outro dos asuntos obxecto de análise foron as novas obrigas que deben cumprir os comercios e establecementos de restauración en materia hixiénico sanitaria. Nese senso Balseiro explicou que a Xunta ten a súa disposición material específico con recomendacións preventivas para diferentes actividades. Pode accederse a estas guías a través da páxina web especifica sobre o coronavirus do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)

A documentación, consensuada co sector, recolle medidas a ter en conta antes de ir traballar, tamén se incide na distancia de seguridade que deberá ser de dous metros entre clientes, produtos e persoal, adoptar medidas de barreira nas zonas de atención ao público e controlar o aforo mediante cita previa, organizando a entrada por quendas e indicando un horario de atención preferente a maiores de 65 anos.

En canto á hixiene e limpeza faise fincapé no lavado frecuente de mans, evitar tocar nariz, ollos e boca, cubrir as vías respiratorias cun pano desbotable ao tusir ou esbirrar, así como limpar e desinfectar espazos frecuentemente (mostradores, pomos, probadores…), ventilar frecuentemente, protexer o produto para evitar a súa contaminación pola exposición e manipulación e uso de máscara hixiénica ou cirúrxica durante a estancia no comercio.

Tamén se recollen medidas organizativas como a sinalización no chan das distancias e camiños, valorar a necesidade de apertura de probadores e en caso de facelo reforzar a limpeza e desinfección, e fomentar o pago por medios electrónicos así como o comercio online. O Goberno galego insiste tamén na importancia de adquirir material recomendado polas autoridades sanitarias, entre o que non se atopa o ozono.

O delegado tamén avanzou que dentro da campaña de divulgación e información de comercio seguro, enviaranse elementos informativos para colocar nos mostradores de todos os establecementos que levarán recomendacións da Xunta, así como unha campaña en redes sociais, baixo o lema #SeguimosAdiante.

Finalmente, Balseiro lembrou que continúan activas as liñas específicas de préstamos a tipo de interese cero para facilitar a liquidez das empresas, comercios e autónomos. O delegado tamén avanzou que a Xunta está traballando nun plan específico para o comercio, que servirá para apoiar os esforzos que os distintos establecementos realicen en materia de dixitalización e venda a distancia, para a compra de material de protección homologado, tamén para apoiar as obras de adecuación dos locais ás novas esixencias como, por exemplo, a colocación de mamparas e, por último, nun plan específico de formación para os traballadores deste sector.