Renda de Integración Social

A XUNTA ABONOU EN CATRO MESES 2,3 MILLÓNS DE EUROS DESTINADOS ÁS PERSOAS PERCEPTORES DA RISGA DA PROVINCIA DE LUGO

Protection people health and insurance concept. Hand shield protect wooden human on table 

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explica que se adiantou o pago aos 1.351 beneficiarios de abril para que “puideran contar canto antes con estes ingresos na difícil situación social  e económica que atravesamos”

Lugo, 7 de maio de 2020.- A Xunta abonou nos primeiros catro meses do ano 2.334.500 euros ao conxunto de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) na provincia de Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que o último pago, correspondente ao mes de abril, ascendeu a 609.000 euros, e a Consellería de Política Social ordenou os pagamentos con antelación -case unha semana antes de que acabara o mes- “para que os usuarios puideran contar canto antes con estes ingresos na difícil situación social e económica pola que atravesamos”, afirmou.

O mes pasado percibiron a Risga na provincia 1.351 persoas, practicamente o 50% deles (665) no concello da capital. Esta prestación está destinada a garantir recursos económicos de subsistencia ás persoas que carezan deles, así como a conseguir progresivamente a súa autonomía.

A Xunta decidiu o pasado ano ampliar os supostos para ter dereito a recibir a Risga. Así, engadiuse un tramo de inserción para facilitar que a persoa perceptora mellore a súa formación; e outro tramo de transición ao emprego, que permite compaxinar esta axuda cun salario durante seis meses e garantir así unha transición suave ao mercado laboral.

Plan social de continxencia

O adianto da Risga é unha das medidas do Plan social de continxencia da Xunta ante a situación xerada pola crise do coronavirus. Tamén habilitou unha axuda económica para os nenos que dispuñan dunha bolsa de comedor da súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos. E igualmente, un Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario para as persoas que necesiten coidados a domicilio, por un importe de 6 millóns de euros no conxunto da comunidade.

O Goberno galego tamén procedeu á exención das cotas das escolas infantís, centros de día e ocupacionais con financiamento público e publicouse a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada ás entidades de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.

Entre outras medidas, a Consellería de Política Social fai seguimento telefónico aos usuarios de centros de día e ocupacionais e, para os fogares que o necesitan, o reparto de comida a domicilio

Ademais, distribuíu preto de 400 dispositivos móbiles en residencias de maiores, persoas con discapacidade e centros de menores para facilitarlles aos residentes a comunicación coas súas familias, a través de videoconferencia.

A Xunta dispón dun correo electrónico para a detección rápida de situacións de risco  (atencionsocialemerxencia@xunta.gal, e do teléfono social 900 400 800, que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas, necesiten acompañamento ou atención psicolóxica.