Iniciativa parlamentaria: bonito do Norte

BALSEIRO PIDE NO PARLAMENTO A ELABORACIÓN DE ESTUDOS CIENTÍFICOS QUE ACREDITEN A ABUNDANCIA DE BONITO DO NORTE E PERMITAN O AUMENTO DA SÚA COTA

Burela, 6 de novembro de 2020. O deputado do Grupo Parlamentario Popular e presidente da Comisión de Pesca da Cámara galega, José Manuel Balseiro, defenderá a vindeira semana no Parlamento de Galicia unha iniciativa pola que se solicita ao Goberno central a realización de estudos científicos que permitan acreditar o bo estado do stock de bonito do norte e, conseguintemente, un aumento da cota asignada a esta especie no Cantábrico.

A campaña do bonito desenvolvíase habitualmente durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Nela participan varios centos de embarcacións a nivel nacional, moitas delas procedentes dos principais portos pesqueiros de Galicia.

Sen embargo, a campaña deste ano rematou antes do esperado, a mediados de agosto, logo de que o Ministerio de Agricultura e Pesca dera orde de pechar a pescaría do bonito do norte, ao terse consumido a cota deste ano.

“Estamos ante a campaña máis curta da historia do bonito do norte, e todo iso a pesar de que é unha das campañas máis importantes do ano para a frota do Cantábrico noroeste, de xeito especial para as embarcacións con porto base en Burela ou Celeiro. Lonxe quedan aquelas campañas do bonito que chegaban ata o outono”- explicou Balseiro.

Esta circunstancia provocou un notable enfado ao sector boniteiro, un malestar que se agranda ao terse constatado abundancia do recurso.

Ademais, cara a próxima campaña a cota do bonito española segue a ser insuficiente e, aínda que se prevé unha ampliación para o vindeiro ano, no sector cren que se quedará tamén curta.

“Son unhas pésimas perspectivas para uns barcos que xa acumulan unha campaña en circunstancias moi complexas tanto pola situación do mercado como das limitacións pola pandemia sanitaria

Na súa iniciativa os populares piden tamén a adopción de medidas de xestión que permitan, no marco disposto por ICCAT e da normativa europea sobre TAC e cotas, poder estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da mesma.”