Opinión:

“Máis bonito para a nosa frota”, por José Manuel Balseiro

Por unanimidade, co apoio do conxunto das forzas políticas do Parlamento de Galicia, saía adiante a iniciativa promovida polo Grupo Popular na que defendíamos a necesidade dun amento da cota asignada ao bonito do norte e medidas dirixidas a estender a duración desta campaña e a súa rendibilidade económica.
Impoñíase o sentido común, en defensa dos intereses da nosa frota, despois de que este ano pechase a que foi a campaña máis curta da súa historia -a mediados do mes de agosto- por imposición do Ministerio e tras ter superado o límite dunhas moi insuficientes posibilidades de pesca.
En comparación co 2019, en termos de produción, a campaña pechaba cun 24% menos, 315.000 Kg menos, situándose nun total próximo aos 765.000 Kg; e, en termos de facturación, acadábase preto de 3,1 millóns de euros, cunha caída que superaba o millón de euros.
A unanimidade no Parlamento galego debe converterse agora en política útil e construtiva, en feitos. A Xunta de Galicia fixo valer a postura da frota galega ante os organismos competentes, pero é preciso que nesta demanda o Goberno central faga o mesmo e apoie á nosa frota para acadar un resultado positivo nesta reivindicación.
Cando o sector pesqueiro sufre o impacto das restricións pola adopción das medidas sanitarias, e as limitacións de acceso ao mercado, a través da canle Horeca (restauración e hostalería) non sería aceptable que desde a administración e as estruturas políticas non se estivera á altura do que os profesionais do mundo do mar nos están pedindo.
É imposible explicar que, existindo abundancia dun recurso pesqueiro no mar, como é o caso do bonito, non se permita á frota a súa captura e aproveitamento sustentable. Por iso o Partido Popular tomou esta iniciativa, e por iso demanda agora accións claras desde o Goberno central para o seu cumprimento. Que a unanimidade política non quede en papel mollado.

José Manuel Balseiro
Deputado e presidente da Comisión de Pesca do Parlamento galego.