Sarria

O PP demandará no Parlamento que o Concello complete a mellora integral da rúa Diego Pazos de Sarria

O Partido Popular promoverá un acordo no Parlamento galego instando á Xunta a que requira ao Concello de Sarria para que complete a mellora integral da rúa Diego Pazos de Sarria, un dos espazos urbanos e comerciais máis concorridos da vila. O voceiro do Grupo Municipal Popular, José Antonio García, e o deputado popular José Manuel Balseiro presentaron unha iniciativa que reclama que non quede no esquecemento o proxecto técnico inicialmente presentado para a mellora desta rúa e que consta desde hai anos coa correspondente autorización autonómica. 

Este proxecto, que o Concello de Sarria non quere executar na súa totalidade alegando incapacidade para financialo, supón unha actuación integral de mellora das beirarrúas, aparcadoiros e da zona de circulación da vía, así como renovación dos servizos de iluminación e mobiliario urbano. Para os populares “non é suficiente coa reparación puntual feita polo Concello hai semanas -cun asfaltado de curta duración e unhas poucas macetas-” e insisten en que “deixar o proxecto a medias supón non estar á altura do que merecen os veciños e comerciantes da zona”.

Mala situación debido a unha execución deficiente da obra

Os populares lembran que a mala situación que presentaba esta rúa, hoxe reparada parcialmente, é consecuencia directa da deficiente execución dunha obra promovida en 2018 polo Concello desta localidade e que hoxe, pese a tempo transcorrido, foi incapaz de rematar completamente, como tampouco foi quen de corrixir as deficiencias detectadas.

A pesar de ser unha estrada de competencia autonómica as obras foron executadas polo Concello coa correspondente autorización. Esta circunstancia implica que o Goberno local ten que cumprir unha serie de prescricións obrigatorias, a principal, que o Concello está obrigado a repoñer, ao seu cargo, os elementos da estrada que resulten afectados pola execución das obras, restituíndo ás súas anteriores condicións de seguridade e funcionalidade. Ademais, con toda lóxica, o Concello de Sarria é tamén responsable das operacións de conservación e mantemento requiridas, así como das actuacións que sexan necesarias para garantir a accesibilidade, seguridade e funcionalidade menoscabadas como consecuencia da mala execución desta obra.

En relación co financiamento da obra, os populares sinalan que o Concello, como administración responsable de executar os traballos de reparación integral, debe tamén asumir o custe desta execución. Con todo, apuntan unha posibilidade alternativa como é o feito de destinar en parte os máis de medio millón de euros (en concreto 566.534 euros) que cada ano o Concello de Sarria recibe da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local para financiar estas actuacións. “Sería unha escusa, polo tanto, alegar falta de recursos como xustificación para non levar adiante estes traballos”, manifestan.

“A veciñanza, comerciantes e usuarios desta vía non merecen seguir soportando esta mala situación, nin convivir con fochancas periódicas ou cos problemas derivados do mal nivelado que provoca charcos e inundacións nos locais comerciais, vivendas e garaxes próximos”, explican. En consecuencia, consideran necesario “esixir ao Concello de Sarria que se responsabilidade dunhas actuacións por el promovidas e mal executadas e que o faga ademais non só con reparacións puntuais, senón levando a cabo a obra de mellora integral á que se comprometeu e que ademais foi autorizada”, matizan.

A propia Corporación Municipal de Sarria aprobou, polo menos ata en cinco ocasións, acordos plenarios nos que se insta ao Alcalde e ao seu goberno a acometer o proxecto de arranxo e terminación da rúa Diego Pazos. Pero, ata o momento, non se cumpriron estes requirimentos.