Opinión

“Galicia marca a diferenza”

Se non nos deixamos enganar polos fogos de artificio que sempre acompañan ás decisións do Goberno de PSOE e Podemos, observaremos que detrás de todo ese esforzo de marketing, sustentado nos centos de asesores a soldo da Moncloa, a improvisación e a falta de reacción segue a ser o sinal de identidade do Executivo de Pedro Sánchez.

Improvisación que tamén aplican á hora de poñer en marcha un plan de rescate estatal para apoiar aos profesionais do turismo, da hostalería, da restauración ou do pequeno comercio, afectados pola pandemia da covid-19.

Empresas e autónomos, hoxe unha vítima máis da situación, non merecían estar esperando semanas a que o Goberno central, en liortas continuas entre os seus socios, se puxera de acordo para aprobar estes apoios. E moito menos, merecen que o resultado desa negociación sexan axudas que chegan tarde e cunha contía menor á esperada.

A Moncloa penaliza á hostalería e comercio galego aplicando criterios de reparto que se traducen en novos recortes para Galicia: como mínimo, 110 millóns de euros menos do previsto. Isto é un terzo do que realmente nos correspondería nun reparto xusto. Atopámonos ante unha decisión arbitraria, deseñada con criterios subxectivos, que o único que xera é desconfianza e inestabilidade.

En contraste, mentres o Estado discutía a Xunta de Galicia actuaba con feitos: aprobou en tempo récord apoios por valor de 160 millóns de euros, abonou ao abeiro do primeiro plan máis de 33.000 axudas e puxo en marcha unha segunda convocatoria de apoios, con menos requisitos e de tramitación máis sinxela.

Hoxe só hai unha certeza: Un ano despois do inicio da pandemia non saíu nin o primeiro euro de axudas directas da caixa do Goberno central e incluso é moi dubidoso que as contías prometidas acaben por materializarse en apoios concretos nun prazo razoable de tempo.

En resume, fronte á incerteza do Goberno central, o Executivo autonómico que preside Alberto Núñez Feijóo foi quen de actuar con eficacia e seguridade, e seguirá traballando de xeito efectivo en caso de que así o precisen estes sectores no futuro. Galicia volve a marcar a diferenza.