Lugo cidade

Carballo e Balseiro interésanse pola nova oficina de emprego e formación que a Xunta proxecta no barrio da Residencia

Os deputados autonómicos por Lugo, Ramón Carballo e José Manuel Balseiro, interesaranse no Parlamento de Galicia pola nova oficina de emprego e formación que a Xunta ten proxectado no barrio da Residencia. Así se indica nas preguntas que veñen de rexistrar na Cámara do Hórreo, e a través das que demandan do Goberno galego que se concrete a fase na que se atopan as obras, as vantaxas do novo emprazamento e as previsións que manexa respecto deste proxecto.

Os populares consideran necesario que se dea conta destas cuestións, unha vez que a administración autonómica deu “un importante paso” no impulso desta zona da capital lucense, graza “a un proxecto clave para a cidade de Lugo” que ten como obxectivo a transformación integral do antigo complexo sanitario, dotándoo de novos usos e servizos para a cidadanía entre os que se atopa, precisamente, a nova oficina de emprego e formación.

Recentemente iniciábase as obras no edificio administrativo do antigo hospital Xeral de Lugo, no que se realizará unha importante rehabilitación. Neste espazo está previsto integrar as dúas oficinas de emprego que hai na cidade, o que permitirá un importante aforro anual en alugueiros. Por este motivo, e en aras de “de seguir traballando polos lucenses”, os dous deputados formulan estas preguntas para a súa resposta oral na comisión correspondente.