Viveiro

O Ministerio non se oporá agora á cesión do antigo colexio de Celeiro pero pretende facelo cobrando, alerta o PP

Viveiro, 8 de abril de 2021. Os deputados mariñáns do Grupo Popular de Galicia, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega, acompañados polo voceiro municipal Óscar Rodríguez, deron a coñecer en rolda de prensa que o Ministerio da Seguridade Social, rectifica da súa posición inicial e di agora que non se oporá á cesión do antigo colexio de Celeiro, pero mantén a negativa de que esa cesión poida facerse de xeito gratuíto.

O organismo estatal incumpre deliberadamente o acordo acadado no Parlamento de Galicia o pasado mes de novembro, a iniciativa do grupo popular, que foi aprobado por unanimidade, “isto é, co voto favorable de todas as forzas políticas, incluído PSOE e BNG”. A Cámara galega instaba ao Goberno central a formalizar a doazón do edificio do antigo colexio á maior brevidade posible.

Limitando a cesión deste inmoble a unha futura venda, a administración do Estado segue “torpedeando” a aspiración da veciñanza de Viveiro e do conxunto da comarca que, hai xa máis de dous anos, acollía con satisfacción o triplo acordo ao que chegaron a Xunta, o Concello de Viveiro e a Deputación provincial, nun exemplo moi positivo de colaboración institucional.

Así lembran que a cesión do antigo colexio de Celeiro permitiría trasladar a este edificio, unha vez rehabilitado, a escola de idiomas Luzo Pozo Garza e, tras isto, aproveitar as instalacións que deixa baleiras o centro de idiomas para que a asociación Aspanane puxera en marcha unha residencia para persoas con discapacidade intelectual, a primeira da comarca, destas características.

Decisión incomprensible
Para os populares a negativa do organismo estatal á cesión gratuíta do antigo colexio “é incomprensible”. En primeiro lugar, porque estamos a falar dun edificio sen uso, practicamente en situación de abandono”. O antigo colexio segue deteriorándose sen que o Goberno central, neste tempo fora quen de darlle un uso alternativo.

A segunda razón pola que non se entende a posición do Ministerio ten que ver co agravio comparativo. Sen saír da localidade e na propia comarca, existen exemplos dabondo de inmobles que eran propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social que foron cedidos a outras administracións de xeito gratuíto para darlle novos usos.
O PP considera que o Ministerio está obrigado a dar explicacións acerca desta distinta vara de medir. Así, lembraron a cesión do espazo que hoxe ocupa o centro de día para enfermos de alzhéimer na Casa do Mar de Celeiro, a cesión da casa do mar de San Ciprián para acoller a nova escola infantil municipal ou cesións similares no Vicedo e en Foz.

“Queremos saber que hai detrás desta manobra. Fano por razóns políticas”, insisten desde o PP, tras advertir que ningunha administración debera pagar “nin un euro” por ese inmoble, o vello colexio, co que a Seguridade Social “quere facer negocio”.

Reunión con Aspanane e compromiso para manter a presión
Por outra banda, os populares explicaron que esta mesma mañá, e tras coñecer o escrito da Tesourería Xeral da Seguridade Social no que condiciona a transmisión do inmoble, mantiveron unha reunión con responsables de Aspanane aos que deron conta deste novo obstáculo que o Ministerio impón ás aspiracións deste colectivo.

Ante as nais e pais desta asociación comprométense a manter toda a presión posible para facer que o Ministerio rectifique, reivindicación á que agardan sumar tanto ao Concello como á Deputación.